Os actos programados para conmemorar o primeiro ano 'público' de Santa Clara xa están en marcha. Arrancaron co primeiro dos faladoiros organizados pola Deputación de Pontevedra para divulgar o alcance dos achados que se atoparon nas escavacións arqueolóxicas.
Foi da man dos arqueólogos responsables das escavacións e do estudo histórico artístico, Rafael Rodríguez e Israel Picón, que explicaron que nesta actuación se abriron 780 metros cadrados de catas, nos que se atoparon máis de 8.000 pezas de diferente valor histórico.
Todo este material achegou moita información sobre a vida no convento durante sete séculos.
Ambos destacaron durante esta conversa, celebrada na antiga capela, que houbo catro sectores de escavación.
O máis destacado foi o situado preto do pozo, onde apareceron o pavimento de laxes de granito, tumbas por baixo dunha canalización de auga e unha gavia de cimentación dun edificio que aportou datos dunha construción que hoxe non existe.
Esta estrutura, segundo revelaron os estudos, formaba parte dun patio interior dun edificio de orixe medieval que despois foi reformulado en época moderna.
Neste sector, preto do pozo, tamén se constatou a existencia de tumbas fóra do que naquel entón era o recinto conventual. Atopáronse cinco e escaváronse tres: unha tiña os cravos do cadaleito, outra un fémur e a outra estaba baleira. As outras dúas non se escavaron.
Rafael Rodríguez explicou que, posiblemente, se trate de xente "que pasaba por alí e morría ás portas do convento ou traballadores, algo que tampouco se tiña documentado", polo que o equipo de traballo "non contabamos con elo".
"Sabemos que son anteriores ao século XVIII, pero de momento non podemos ir máis atrás. Saberemos máis cando fagamos a datación radiocarbónica", subliñou.
Outro dos catro sectores máis interesantes para as persoas estudosas de Santa Clara foi o da zona sur, onde se constatou a existencia dun edificio que pecharía o espazo conventual e facer unha aproximación cronolóxica (século XV e XVI).
Descoñécese aínda a que estaba dedicada esa construción (hoxe derruída), pero si se supón que non era un edificio nobre, máis ben un lugar onde gardar os apeiros de labranza ou o gando.
O terceiro dos lugares máis importantes da escavación situouse na zona oeste do claustro, onde se descubriu a existencia dunha terceira panda ou ala que foi derruída, onde había un banco corrido.
Por último, o cuarto dos sectores nos que máis información se conseguiu é o coñecido como da zona das ‘tullas’, onde se atoparon estruturas da antiga edificación conventual de época medieval, do mesmo arranque do convento, do seu núcleo orixinal ou de época xusto inmediata.
Con todo, os arqueólogos indicaron que o máis destacable en xeral dos achados en Santa Clara, é a cantidade de producións cerámicas que apareceron, de toda a Península Ibérica, de países europeos como Alemaña, Italia, Inglaterra ou Francia, entre outros, e porcelana chinesa.
Isto demostraría, segundo os expertos, a existencia de monxas en Santa Clara que procedían de familias con alto poder adquisitivo.
As charlas sobre Santa Clara continuarán este mércores, ás 19:30 horas, coa conferencia "Cando as paredes falan", a cargo do doutor Victoriano Nodar.
Falará sobre a lectura de alzados e paramentos interiores e exteriores dos edificios, é dicir, das diferentes construcións e muros e os momentos nos que foron edificadas.