Quedan aínda semanas de traballo por diante, pero as escavacións arqueolóxicas que se están levando a cabo no Convento de Santa Clara están a sacar á luz algúns dos seus segredos.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, o vicepresidente, César Mosquera, e o director do Museo, Xosé Manuel Rey, visitaron este xoves os traballos que está a desenvolver un equipo multidisciplinar e que permitiu localizar máis de 2.000 restos cerámicos ou construcións como pavimentos e canalización de auga soterradas.
Ademais ata o momento localizáronse máis dunha vintena de tumbas.
O estudo detallado de todo iso permitirá aos expertos coñecer como evolucionou a vida no convento ao longo de sete séculos e cales eran os hábitos das relixiosas que alí se aloxaban.
Esta actuación dirixida pola Deputación de Pontevedra é un paso previo necesario para incorporar o antigo convento ao Museo.