Os roteiros saudables da Asociación Contra o Cancro reúnen a 40 persoas en Pontevedra

Pontevedra
10 de decembro 2021

A campaña inclúe 16 saídas semanais por cinco itinerarios por diferentes espazos naturais da cidade

Andaina organizada pola Asociación Española Contra o Cancro
Andaina organizada pola Asociación Española Contra o Cancro / Concello de Pontevedra

Unhas 40 persoas participan desde o pasado mes de abril no programa Rutas Saudables, impulsado pola Asociación Española Contra o Cancro en Pontevedra e a Concellería de Deportes no marco da iniciativa municipal A Vida é Movernos.

A boa acollida do proxecto viuse reflectida no notable incremento do número de itinerarios ofertados, que pasaron dun único percorrido pola Xunqueira de Alba a cinco, ao sumarse roteiros pola contorna do río dos Gafos, a avenida de Marín, Monte Porreiro e a Illa das Esculturas.

O programa inclúe 16 saídas semanais e a data de finalización desta edición está prevista para marzo, en función das condicións meteorolóxicas. "O pasado mes de outubro iniciáronse dous novos grupos: un o martes pola tarde, ás 16:30 horas, e outro o xoves pola mañá, ás 11:00 horas. O grupo do xoves conta con 10 persoas inscritas, cunha taxa de participación semanal do 70% e unha valoración positiva por parte dos usuarios, e no do martes hai 6 persoas anotadas. A Asociación Española Contra o Cancro en Pontevedra está a traballar para incrementar estas cifras nas vindeiras edicións e a partir de xaneiro", detalla o concelleiro de Deportes, Tino Fernández.

As Rutas Saudables están abertas a toda a poboación e teñen o obxectivo de combater o sedentarismo a través de camiñadas ao aire libre por diferentes contornoa naturais. Os itinerarios a pé, que se integrarán no proxecto do MetroSan, son froito dun acordo de colaboración asinado entre o Concello e a entidade social coa finalidade de fomentar hábitos de vida saudables entre as persoas, que axuden a reducir o risco de padecer enfermidades como o cancro.

A duración destas rutas semanais é de aproximadamente unha hora e media, sendo guiadas sempre por un voluntario. A iniciativa ten carácter gratuíto, con prazas limitadas, e está aberta a todas aquelas persoas que queiran iniciarse nunha actividade beneficiosa para a súa saúde. Os intersados poden inscribirse a través do teléfono 986 86 52 20 ou da dirección de correo electrónico [email protected].