Ata o momento poucos datos tiñan trascendido sobre o proxecto do novo edificio xudicial da Parda. Hoxe a Xunta de Persoal trasladou os traballadores que está previsto que o novo inmoble acolla a xurisdición civil, é dicir, os xulgados do social, mercantil e contencioso. Ademais, tamén acollería os servizos comúns e o rexistro de entrada. Desta forma, o actual edificio xudicial sería unicamente para as salas do penal.
No proxecto presentado durante a Comisión de análise e estudo do novo edificio xudicial, o Director Xeral de Xustiza, Juan José Martín, explicou a representantes xudiciais e dos traballadores, que nas dúas plantas soto hai proxectadas 251 prazas de garaxe destinadas a funcionarios, xuíces, secretarios e fiscais con, ademais, un espazo destinado a arquivos.
Segundo se proxectou, a estrutura do edificio está preparada para soportar outra planta máis que se podería engadir no futuro, en caso de ser necesaria unha ampliación. Non obstante, os representantes dos traballadores consideran que, polo menos, debería estar preparado para aceptar dúas plantas. Ademais, insisten na necesidade dun sistema de ventilación e calefacción axeitado ao espazo e aos usuarios habituais destas instalacións ante a posibilidade, comentada polos arquitectos do proxecto, de que non se realicen ventás nin ocos vans ao exterior. Os membros da Xunta de Persoal reclaman unha luminosidade adaptada ás normativas vixentes, segundo expoñen nun comunicado.
O proxecto de execución do novo edificio, que aínda está pendente da cesión dos terreos por parte do Concello, estaría rematado sobre os meses de maio ou xuño deste ano. A obra licitaríase entre xuño e xullo. E a execución das obras estímase que duraría aproximadamente dous anos dende o seu comezo. Dende a Xunta de Persoal afirman que sempre que non se formulen problemas, segundo expuxeron os arquitectos do proxecto.