A campaña solidaria de Nadal (en)Volve, impulsada pola Concellería de Benestar Social de Pontevedra e a Fundación Meniños, iniciou a súa recta final neste mes de decembro cunha cifra de 604 cómplices dos Reis Magos e de 400 agasallos recibidos.
En apenas un mes, a iniciativa, que ten o obxectivo de que ningún rapaz quede sen o seu presente nestas datas tan especiais, xa recibiu 536 cartas destinadas aos colaboradores das súas Maxestades de Oriente, tendo confirmada nestes momentos a participación na campaña de 563 nenos e adolescentes (en 2019 chegouse aos 588).
O concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, amosouse emocionado ante o "derroche de xenerosidade e solidariedade" dunha cidade que, "mesmo nestas circunstancias tan complicadas para todos, sempre que se precisa dela, responde e vólcase con aqueles que máis o precisan".
Nesta edición, a resposta cidadá foi tan grande que o número de cómplices supera con moito ao de cartas recibidas, cando noutros anos, a estas alturas, ían á par. "Temos máis xente disposta a colaborar que persoas que precisan esa axuda, o que sempre é unha boa nova", dixo o edil.
A campaña (en)Volve, que este ano se iniciou con antelación con respecto a edicións anteriores para poder planificala con tempo e garantir a seguridade para tódalas persoas implicadas, ten en 2020 como principal novidade que só se entregan as cartas vía whatsapp, evitando así o contacto presencial tanto coas familias receptoras dos agasallos como cos cómplices que participan. Só se acudirá de xeito presencial á Casa Azul para a entrega do correspondente agasallo.
Todos aqueles que queiran converterse en cómplices dos Reis Magos este Nadal deberán encher un formulario(descargar aquí). Os agasallos terán un importe máximo de 35 euros e dende a Concellería de Benestar Social e a Fundación Meniños anímase a todo o mundo a adquirilos no comercio local.