Os Reis Magos pasan pola Boa Vila horas antes dunha noite máxica na que ninguén quedará sen agasallo

Pontevedra
05 de xaneiro 2024

Cun gran espectáculo de música, luz e cor. Así percorreron os Reis Magos as rúas de Pontevedra na tradicional cabalgata que, como todos os anos, celebrouse na véspera do día de Reis coa participación de miles de persoas

A Cabalgata de Reis percorre as rúas de Pontevedra
A Cabalgata de Reis percorre as rúas de Pontevedra / Cristina Saiz

Cun gran espectáculo de música, luz e cor. Así percorreron os Reis Magos as rúas de Pontevedra na tradicional cabalgata.

Miles de persoas, principalmente nenos e nenas acompañados dos seus pais e familiares, repartíronse ao longo de todo o percorrido para ver pasar o desfile, no que se repartiron miles de caramelos aptos para celíacos.

Desde as seis da tarde, seis carrozas, agrupacións musicais e grupos de animación acompañaron a Melchor, Gaspar e Baltasar ao longo das rúas Avenida de Lugo, Loureiro Crespo, Benito Corbal, praza da Peregrina, Michelena, praza de España e Alameda. 

A cabalgata contou coa participación activa da Policía Local, os Bombeiros de Pontevedra, a charanga Airiños de San Martiño, Rivel Animación, Pablo Méndez Performance, o grupo Dúos Pontes, Barafunda, Art-Monium, Troula, o grupo folclórico Pola Vila e Os de Algures. Ademais, houbo seis carrozas distintas (a carroza Barbie, a de Shrek, a de soldadiños de chumbo e, como non, a de cadanseu rei mago).

A choiva aguantou boa parte do desfile ata que a comitiva real chegou á rúa Michelena, foi entón cando os paraugas que estaban a servir de rede para atrapar máis caramelos volveron cumprir a función para a que foron deseñados e ampararon do ballón.

A cabalgata celebrouse horas despois da multitudinaria recepción aos Reis Magos no pazo de Mugartegui, onde Melchor, Gaspar e Baltasar estiveron saudando aos máis pequenos.

Tras esta intensa actividade, chegou o momento de prepararse para a visita que os reis de Oriente farán a todas as casas pontevedresas esta mesma noite.