Os Reis Magos despediranse dos nenos de Poio este sábado cunha cabalgata e moita festa

Poio
03 de xaneiro 2024

Máis de trescentas persoas acompañarán aos Reis Magos desde Porteliña ata a carpa da Seca, onde rematarán coa música e animación de Javi Solla

Carrozas da Cabalgata dos Reis Magos
Carrozas da Cabalgata dos Reis Magos / Concello de Poio

Poio despedirá este sábado aos Reis Magos cunha gran cabalgata e moita festa. As Súas Maxestades de Oriente terán a oportunidade de despedirse dos nenos de Poio e de toda a comarca nunha cabalgata moi participativa, con catro carrozas, o tren máxico e unha comitiva formada por máis de trescentas persoas, que rematará na carpa Poio Máxico cunha grande festa.

Este ano o Concello aposta por dar un xiro á programación e inclúe dobre parada de Melchor, Gaspar e Baltasar no municipio. A primeira será o día 5, na que percorrerán en coche as Aldeas de Nadal e todas as parroquias, e a segunda, xa o sábado 6, cunha cabalgata de despedida que partirá ás 18.00 horas desde Porteliña (gasolineira), achegarase ata A Seara e rematará na carpa instalada na Seca coa animación e música do DJ Javi Solla.

Segundo explica o alcalde, Ángel Moldes, que este mércores visitou a nave onde se gardan tres das catro carrozas, acompañado dos concelleiros de Cultura e de Festexos, Natalia Sabarís e Fran da Silva, "a cabalgata dos Reis Magos é un dos gastos máis elevados da programación do Nadal, e nos últimos anos a maior parte das familias de Poio se trasladaban ata Pontevedra, capital da provincia, e polo tanto eran moi poucas as persoas que quedaban gozando do día 5 no noso concello. Por iso, este ano quixemos dárlle unha volta, ser creativos e aproveitar o día 6 para organizar unha festa coa que despedir o Nadal de Poio por todo o alto".

Na comitiva, formada por máis de trescentas persoas, entre nenos e maiores, participan todas as anpas dos colexios de Poio, así como membros das comparsas e batukas locais. 

PERCORRIDO

Con respecto ao día 5, a ruta real dos Reis Magos sairá ás 11.00 horas para percorrer as sete Aldeas de Nadal de Poio, comezando pola Aldea do Adro, en San Salvador, para posteriormente achegarse á Aldea dos Patos, Lourido; da Granxa, en Campelo; das Badaladas, en San Martiño; Aldea das Palleiras, Combarro; Aldea dos Muíños, Samieira; Aldea de Raxó, e rematar na Casa do Concello onde farán un saúdo desde o balcón.

Xa pola tarde, a ruta real partirá ás 16.00 horas para percorrer todas as parroquias. Comezarán por San Salvador, para continuar por san Xoán, Combarro, Samieira e Raxó. Os horarios e lugares poderanse consultar nas redes sociais do concello.

OPERATIVO DE SEGURIDADE

Con respecto ao dispositivo de seguridade elaborado para o sábado 6, cortarase o traxecto do percorrido desde as 17.00 horas ata, aproximadamente, as 20.00 horas, así como os diferentes accesos secundarios que dan á zona do desfile. Permitirase aparcar en todo o percorrido, agás en dous lugares puntuais nos que se espera maior aglomeración de persoas, pero en todo caso, tamén estarán dispoñibles os aparcamentos disuasorios do Concello de Poio para que non haxa ningún tipo de dificultade. Iso si, os vehículos aparcados no traxecto non poderán mobilizarse durante este horario. Todo o tráfico que queira desprazarse entre Pontevedra e Sanxenxo desviarase pola estrada de Vilagarcía e a VG-4.8.