Os Reis de España, Felipe VI e Letizia, arrouparon este venres ás familias dos 21 falecidos e desaparecidos no naufraxio do Villa de Pitanxo nun funeral sobrio e multitudinario no Templo Novo de Marín celebrado tras cumprirse un mes da traxedia. O templo encheuse de familiares, amigos, autoridades e veciños da localidade, que quixeron dar o seu apoio aos achegados que perderon aos seus familiares o pasado 15 de febreiro en augas de Terranova.
Quixeron tamén dar o seu respaldo a Samuel Kwesi, un dos tres sobreviventes do naufraxio e o único que acudiu a este funeral conxunto polas vítimas co que as familias quixeron despedir ás vítimas do naufraxio.
O mozo, de orixe ganesa e residente en Marín, recibiu á súa vez o apoio das familias e entrou no templo no medio de aplausos dun grupo de cidadáns que esperaban no exterior para seguir o acto relixioso a través dunha pantalla xigante instalada polo Concello de Marín.
Tras a cerimonia, os Reis achegáronse a dar o pésame aos familiares dos falecidos. Xa previamente, antes do acto relixioso, mantiveran un encontro no colexio Inmaculada -situado na mesma praza que o Templo Novo- cunha representación dos familiares.
Tamén acudiu Kwesi, mentres que non estiveron presentes os outros dous sobreviventes, o patrón, Juan Padín, e o seu sobriño, Eduardo Rial.
De feito, Felipe VI e a súa esposa, Letizia, accederon ao templo puntuais, ás seis da tarde, acompañados por outras autoridades e familiares. Ao seu lado, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, e a alcaldesa de Marín, María Ramallo.
A visita dos Reyes de España espertou gran expectación en Marín e nos arredores do templo se achegaron centos de persoas que quixeron ver a Felipe VI e Letizia, pero, sobre todo, no ambiente notouse o respaldo da cidadanía aos familiares dos afectados; e a Samuel Kwesi, ao que deron o sentido e espontáneo aplauso.
O templo ten aforo para 1.000 persoas e encheuse. A maiores, centos de persoas situáronse nas beirarrúas que e no propio Parque Eguren que rodea o templo, algúns mesmo equipados con cadeiras pregables para a longa espera superar a dúas horas. Tamén moitos quixeron seguir a cerimonia desde as xanelas e balcóns dos edificios que rodean a igrexa e puideron escoitala e vela en directo.
Presidida polos Reis, o funeral oficiouno o arcebispo de Santiago, Julián Barrio, que na súa homilía deu o apoio aos falecidos, aos que "desde el primer momento os hemos tenido en nuestro corazón como también a ellos". "Os ha llevado en su corazón Galicia, España y tantas personas más allá de nuestras fronteras que han pedido que os trasmita sus condolencias con su oración y solidaridad", asegurou Barrio, que fixo extensivas as condolencias ao Papa Francisco , que asegurou que "os acompaña”.
A noticia do naufraxio nas augas xélidas de Terranova, sostivo o arcebispo, "sobrecogió nuestra alma” e levoulle a dar grazas polos sobreviventes, e implorar "el consuelo y la serenidad" para as familias. "No nos imaginamos vuestro profundo dolor", sinalou Julián Barrio.
Durante o acto relixioso, houbo momentos cargados de solemnidade e outros sobrecolledores como o momento no que se leron un a un os nomes dos falecidos. A Banda de Música da Escola Naval de Marín acompañou o inicio e o fin da cerimonia, cargándoa de máis solemnidade. Unha vez finalizada, interpretou a Salve Mariñeira ante unha imaxe da vítima que foi desprazada para a ocasión ao exterior do templo.
A homilía serviu para lembrar que "el mar significa peligro, ausencia e incertidumbre" e convértese ás veces nun "agujero negro que acaba con proyectos, sueños y vidas". Lembrou que o falecidos -nove corpos recuperados e 12 que seguen desaparecidos- eran "vidas llenas de proyectos en su quehacer diario personal, familiar y laboral".
Recoñeceu o arcebispo que "no es fácil comprender y aceptar esta realidad" e que as palabras son "siempre insuficientes” para transmitir unha mensaxe de esperanza, máis ante unha traxedia ante a que moitas persoas preguntáronse "¿por qué tuvo que ocurrir esta tragedia?".
O acto tamén tivo unha vertente reivindicativa, cunha pancarta situada polas familias no acceso á igrexa coa mensaxe"Los queremos en casa" en alusión á súa demanda reiterada de que o Goberno presione a Canadá e poña medios propios para retomar as tarefas de procura na zona do afundimento para rescatar os 12 cadáveres que seguen no mar ou, como eles sospeitas, algúns mesmo dentro o buque afundido.
No exterior do templo, amigos e achegados dos sobreviventes tamén aproveitaron para recoller firmas que apoien esta mesma petición.
Autoridades locais e autonómicas non quixeron perderse esta cita relixiosa que se converteu, ao mesmo tempo, nun recordo do horror do sucedido.
Entre eles estiveron o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones; a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba; a conselleira de Mar, Rosa Quintana; o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; a deputada Ana Pastor; os alcaldes de Pontevedra, Vigo, Cangas e Bueu; o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso; e o responsable provincial dos socialistas, David Regades, estoutro no exterior do templo, entre outras autoridades.