Unha enquisa realizada pola asociación Pedaladas entre estudantes dos institutos Sánchez Cantón e Frei Martín Sarmiento con motivo da súa campaña "Ao Insti en bicicleta" revela que a maioría de ciclistas perciben unha falta de seguridade na calzada, motivo polo que prefiren circular pola beirarrúa.
Segundo esta enquisa tan só o 4,3% dos 117 alumnos que responderon a sondaxe acode aos centros en bicicleta e os que non empregan este medio de transporte evitan utilizalo por "falta de seguridade percibida" (un 51%), ou por non precisar dela (un 26%) xa que acoden andando, en coche ou en autobús.
Os responsables de Pedaladas sinalan que "aínda que Pontevedra sexa zona 30, os mozos fan uso das beirarrúas na metade dos casos" e insisten en que "o 71% ou utiliza as beirarrúas do centro ou pensa que é preciso crear carrís-bici e apenas un 30% considera seguro compartir espazo cos automóbiles".
Outros datos rechamantes da enquisa son que o 54% dos estudantes ciclistas que responderon a sondaxe senten "respectados" polos condutores, e que un 19% nunca usa o casco e outro 24% só ás veces.