O profesorado dos centros escolares galegos nos que estuden alumnos con diabete terán que recibir formación específica sobre esta enfermidade. É unha das consecuencias da actualización do protocolo de 'Atención en urxencias sanitarias e atención educativa ao alumnado con enfermidade crónica' que acaba de aprobar e facer pública a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de Galicia e que este venres o conselleiro, Román Rodríguez, trasladou á directiva da Asociación de Nenos e Nenas con Diabete de Galicia (ANEDIA).
Román Rodríguez reuniuse coa asociación coincidindo coa celebración do Día Mundial da Diabete, que se conmemora este sábado 14 de novembro, e facilitoulles unha copia da nova adenda de atención ao alumnado con diabete, xurdida a partir do citado protocolo. Ambas enmárcanse na Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2015-2020 'educonvives.gal' e xa se pode consultar o documento íntegro na súa páxina web.
O documento elaborouse a partir das recomendacións de pais de alumnos con diabete e de profesionais do sector educativo e foi consensuado cos responsables de Sanidade. Está xa dispoñible para toda a comunidade educativa porque lle afecta directamente, pois, tal e como indican dende Anedia, ata o de agora o profesorado non tiña ningunha norma que regulara a súa actuación cos alumnos con diabete e os pais e alumnos dependían de que a comunidade educativa tivese boa vontade para atender aos seus fillos.
O protocolo inclúe orientacións que guiarán ao profesorado á hora de atender ao alumnado con diabete en determinadas circunstancias, como no momento de realizar exercicio físico, en actividades extraescolares, no comedor ou no transporte escolar, de tal maneira que se normalizará a particpación dos nenos con diabete en todas as actividades do centro e se acabará con situacións como as que se daban ata o de agora, con colexios nos que se negaba a estes nenos a posibilidade de participar en excursións ou actividades extraescolares ou se lles impedia inxerir alimentos no autobús a pesares de que, en moitas ocasións, se atopan con situacións de hipoglicemia a bordo do citado vehículo que esixen comer algo de xeito urxente.
Ademais, recolle os fitos desexables que o alumnado debería acadar no control da súa doenza a medida que pasan os anos. Trátase de fases que varían segundo a idade, partindo dun entendemento da enfermidade como unha actividade máis da súa vida ata acadar a independencia e autocontrol da diabete.
A adenda sinala queé conveniente que o profesorado coñeza as características máis relevantes da diabete para tomar as medidas oportunas en cada unha das situacións e brindar ao alumnado o apoio axeitado. E engade que é precisa a formación do profesorado e demais persoal do centro sobre as características da enfermidade e a detección e resolución de problemas, especialmente daqueles que supoñen unha emerxencia.
A noticia sobre a aprobación do protocolo deuse a coñecer nun día no que Anedia, en colaboración co Concello e a Deputación de Pontevedra, tiña organizados actos nos comedores escolares e na rúa. Os máis vistosos ocorreron a partir das 20.00 horas no antigo edificio do Concello de Pontevedra e no Pazo Provincial, que se iluminaron de azul, a cor da diabete.
Diante do Consistorio, e coa presenza de colectivos sociais e políticos, dous nenos con diabete de Anedia leron un manifesto escrito por menores do colectivo no que reivindicaron que eles lles gustaría que os seus amigos e compañeiros de colexio e de actividades "soubesen que non somos diferentes e que estamos fartos de que nos digan que somos uns drogadictos, uns monstros, uns robots" cando son "nenos normais e correntes".
Os nenos demandaron máis formación e información para eles mesmos, para os seus pais, profesores e adestradores e tamén cuestións como caramelos sen azucre na cabalgata dos Reis Magos, poder ir ao cinema sen ter que deixar os seus suplementos de glicosa fora da sala ou que nos bares e restaurantes lles serviran bebidas sen exceso de azucres. "Non somos bichos raros, somos nenos e nenas normais", reivindicaron para concluir que teñen unha enfermidade coa que "podemos facer vida normal".