Os profesores de autoescolas da provincia de Pontevedra seguen levantando a voz durante seis xornadas de folga non consecutivas e concentracións, tanto na capital como na cidade de Vigo. Este martes fixérono diante da sede do Centro de Exames da Xefatura Provincial de Tráfico, na Xunqueira de Alba.
A causa das súas mobilizacións é conseguir un convenio provincial que poña final a unha serie de prácticas laborais, condicións económicas e falta prevención de riscos que veñen adoecendo desde hai anos e que derivou nunha precarización dos profesores de autoescolas, uns 170 na provincia. Todo iso no contexto dun convenio estatal en vigor desde 2013.
Denuncian, entre unha longa listaxe de reclamacións, que hai categorías que están por baixo do salario mínimo interprofesional, que a única enfermidade laboral recoñecida é a afonía, sen baixas por maternidade ata a semana 36, ou sen xornadas laborais definidas. O pasado xullo, a través de Consello Galego de Relacións Laborais produciuse un encontro coa patronal pero alegan que non teñen capacidade para facer un convenio específico.
Desta forma comezou o calendario reivindicativo que continuará durante esta semana "e tras a que non descartamos volver retomar as protestas no mes de setembro", sinala Miguel Lías, portavoz do sindicato CUT, dado o mutismo que mantén a Asociación Provincial de Autoescolas por agora e que representa ao 65% do sector.
Asociación Provincial de Autoescolas
"Non temos capacidade para negociar un convenio provincial porque existe un acordo de transferir esa competencia á Confederación Nacional de Autoescolas para que se puidese negociar o convenio nacional que está a piques de saír, antes de finalizar o ano. Por iso díxoselles que se podían buscar unhas vías alternativas para mellorar as condicións laborais con que traballan nos centro de formación", expón Andrés Bugallo, secretario da Asociación.
Desde a patronal, recoñecen que si hai aspectos que é necesario modificar, como poden ser as baixas por maternidade; pero outros rexeitan, caso dos salarios "non se cobra menos que o salario mínimo, sería ilegal e se algún traballador está nesa situación o que ten que facer é denuncialo".
En relación ao calendario de protestas, desde a Asociación apélase a que "respecten o dereito ao traballo dos demais e ao de examinarse dos alumnos, así como respectamos o seu dereito á folga".