Os procuradores de Pontevedra serán substituídos por outros no caso de covid-19 ou corentena

Pontevedra
24 de outubro 2020

Con este servizo, os procuradores poderán solicitar temporalmente que outro compañeiro interveña por eles, presente escritos ou reciba as súas notificacións. Así, evítase a "perda de oportunidades procesuais" dos cidadáns e os procedementos en marcha "poderán continuar con normalidade", sinala o Colexio de Procuradores

Xulgados da Parda
Xulgados da Parda / Mónica Patxot

O Colexio de Procuradores de Pontevedra creou un protocolo de substitución, que segundo destaca o organismo é "pioneiro" en Galicia, para que un procurador con covid-19 ou que estea en corentena poida ser cuberto por outro compañeiro.

O ente colexial explica que coa lexislación vixente un procurador de baixa médica non pode solicitar, entre outros trámites, a suspensión de sinalamentos, a interrupción de prazos procesuais ou a paralización do envío de notificacións xudiciais físicas ou electrónicas.

A creación deste servizo pretende cubrir o "baleiro legal" existente na profesión ao permitir que os procuradores que o necesiten poidan solicitar temporalmente que outro compañeiro interveña por eles, presente escritos ou reciba as súas notificacións.

O decano do Colexio de Procuradores de Pontevedra, Gabriel Santos, lembra que os procuradores son unha "peza crave" da engrenaxe xudicial e que "prevendo situacións excepcionais ás que se poidan enfrontar protexemos tamén a toda a Xustiza".

A través deste servizo, protéxense tamén os "dereitos" dos seus clientes, engade Gabriel Santos, evitando a "perda de oportunidades procesuais" dos cidadáns e que os procedementos en marcha "poidan continuar con normalidade".

O protocolo de substitución comunicarase aos xulgados solicitándolles que suspendan durante tres días hábiles os prazos e as notificacións do procurador substituído e poñendo no seu coñecemento a situación de substitución.

A el poderanse acoller os máis de 100 procuradores do colexio pontevedrés, que exercen nos xulgados de Pontevedra, Caldas de Reis, Cambados, Cangas, A Estrada, Lalín, Marín e Vilagarcía de Arousa.

Ademais de por positivo en covid-19 ou corentena, este servizo poderá ser utilizando polos procuradores que ingresen no hospital, teñan unha baixa laboral ou por hospitalización ou falecemento de familiares próximos.

O decano pontevedrés destaca que este sistema está "fundamentado na solidariedade profesional" e pide a colaboración de todos os operadores xurídicos para poñelo en marcha.

"Queremos achegar solucións desde a nosa profesión a un problema xa existente que se agravou por mor desta emerxencia sanitaria", conclúe o máximo responsable dos procuradores pontevedreses.