O Tribunal administrativo de contratación de Galicia comunicou ao Concello de Pontevedra o rexeitamento do recurso dunha das empresas que se presentou ao concurso para a concesión da xestión das Piscinas de Campolongo. Esta decisión permitiu levantar a suspensión desta adxudicación e este xoves, o grupo de goberno adxudicaba oficialmente a Serviocio a concesión destas instalacións deportivas, que se fixo co concurso grazas a que ofrecía melloras nas tarifas, a ampliación de horarios e un investimento de 4,6 millóns de euros para a reforma deste espazo. Serviocio, que ademais é a actual concesionaria, pagará un canon anual de 60.000 euros. A vixencia do contrato é por un período de 20 anos.
O goberno local espera asinar o contrato coa entidade xestora a finais do mes de agosto, explicaba o portavoz municipal, Raimundo González. Despois, a empresa aínda contará cun prazo de ao redor de catro meses para presentar o proxecto definitivo das obras que vai acometer e elaborará un plan para ver cando será máis efectiva a execución dos traballos atendendo a criterios económicos. Deste xeito, as obras non se iniciarían ata avanzado o ano 2019.
Raimundo González indicaba que a proposta inicial establece que as zonas vinculados á piscina gañarán moito espazo coa reforma. O vaso da pileta contará coas mesmas dimensións pero, segundo indicou González, non será unha mera remodelación senón que se converterá nunha piscina "nova do trinque".
OBRAS NO GORGULLÓN
14 empresas presentáronse ao concurso de adxudicación das obras do Gorgullón. Segundo indicou o concelleiro, na Mesa de adxudicación aberta este xoves para coñecer as ofertas económicas non se fixo unha proposta debido a que se rexistrou unha baixa temeraria e agardarán a xustificación por parte da empresa. As propostas roldan a cifra de 1.300.000 euros.
Desde o goberno local esperan que antes de finais do mes de agosto poida realizarse a proposta definitiva para que vaia a Xunta de Goberno e, deste xeito, comecen os traballos a partir do mes de setembro, co obxectivo de que se unan ás obras que durante estes meses se están a desenvovler na rúa Virxe do Camiño.
O prazo de execución desta reforma viaria é de 6 meses, segundo apuntou Raimundo González.