O salón de actos do CIFP A Xunqueira foi escenario esta tarde do acto de entrega dos premios Josefa Fariña. Uns premios que naceron dun proxecto educativo do ciclo de Promoción da Igualdade de Xénero e que teñen como obxectivo dar visibilidade a todas as mulleres que realizan un importante labor para a sociedade sen recibir o recoñecemento público que merecen.
Os galardóns desta primeira edición recoñecen o traballo de doce mulleres noutras tantas categorías do ámbito da arte, o deporte, as ciencias, a empresa ou os servizos sociais.
Na categoría de Política as galardoadas son Ángela Rodríguez, secretaria de Estado de Igualdade e Marta Gómez. En Automoción e Enxeñería, Marisa Quintairos, profesora do CIFP A Xunqueira. En Artes, Lupita Hard, graffitera viguesa coñecida polas súas intervencións artísticas en farois. En Deportes, Bárbara García, piragüista e especialista en salvamento. En Literatura, a escritora Fina Casalderrey. En Cinema e Televisión, a presentadora e actriz Cristina Maró. En Teatro, Andrea Bayer, fundadora da compañía Baobab.
En Ciencia, Montse Pérez, científica do Instituto Español de Oceanografía. En Educación, Carmen Quinteiro, profesora do IES A Xunqueira I. En Empresa, Diana Lameiro, propietaria de dúas clínicas de logopedia e acción multidisciplinar. En Acción Social, Conchi Vázquez, directora da ONG Cáritas Interparroquial. E, finalmente, en Moda, Téxtil e Comercio, recoñecen o traballo de Clarita, de Almacéns Clarita.
Houbo ademais un premio especial en recoñecemento do traballo feminino no campo dos coidados que recaeu na familia Concepción Diéguez González, nai de Antía Sueiro e cofundadora da asociación Antía Sueiro para a Axuda a persoas con Parálise Cerebral e as súas familias.
Josefa Fariña viviu en Pontevedra entre 1898 e 1944, rexentou un ultramarinos e escribía, pero cando casou, destruíu todos os seus textos. Só consérvanse dela un nome e unha foto. Parece que non foi ninguén, pero o seu legado representa hoxe a todas as mulleres.
As estudantes descubriron a súa figura a través dos traballos de xénero da súa profesora, Sonia Rodríguez Vidal. Era un traballo de clase relacionado co Día Internacional da Muller e co que buscaban dar visibilidade ás mulleres pontevedresas que triunfan en diferentes ámbitos e das que ninguén fala. A idea gustou tanto ao alumnado, ao centro e ás condecoradas que decidiron saír da aula, facer un acto formal de entrega e mesmo convidar as autoridades.
Na cerimonia non faltou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; nin a secretaria de Igualdade da Xunta, Susana López Abella, quen destacou a importancia de reforzar a promoción de valores desde o ámbito educativo cara a unha igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, así como a concienciar desde a infancia sobre a secuela da violencia de xénero.
De feito, lembrou a secretaria que a Xunta ten en marcha un programa escolar similar no que participan 35 centros de educación infantil e primaria. A través de contacontos dan a coñecer a figura de mulleres que tiveron un papel relevante no desenvolvemento da Galicia contemporánea.
Un dos momentos máis emotivos da gala tivo lugar cando a alumna Aida González recitou un poema dedicado a Josefa Fariña.