Os premios Virxinia Pereira de banda deseñada gánanllle o pulso aos tópicos machistas

Pontevedra
08 de marzo 2017

A obra 'Ítica' de Francisco Pérez é a gañadora da primeira edición deste Certame. Os premios van ser entregados na Gala da Igualdade no mes de novembro   

Kiko da Silva e Carmen Fouces presentan o primeiro premio do Certame Virxinia Pereira
Kiko da Silva e Carmen Fouces presentan o primeiro premio do Certame Virxinia Pereira / PontevedraViva

Os premios do Certame de Banda Deseñada Virxinia Pereira para favorecer a igualdade foron para tres autores e o accésit para unha autora de Pontevedra. Nesta primeira convocatoria presentáronse 21 traballos, dez deles pertencentes a mulleres, un feito relevante debido a que o mundo da banda deseñada relaciónase habitualmente con roles masculinos.

Os premios repartíronse da seguinte forma: 

- 1o premio. Francisco Pérez Outes, coa obra 'Ítica', dotado con 2.000 euros.

- 2o premio. Pablo Prado Fernández, coa obra 'A calquera', dotado con 1.000 euros.

- 3o premio. Adán Álvarez Rivas, coa obra 'Encontros na noite', dotado con 500 euros.

- Accésit: Elísabet García Aires, coa obra 'O meu fogar'.

Durante a lectura dos premiados este mércores 8 no Concello de Pontevedra, a concelleira de Igualdade, Carmen Fouces e o director de O Garaxe Hermético, Kiko da Silva, sinalaban que tamén se concedeu un premio honorífico á traxectoria da autora de Vilagarcía de alcance internacional, Emma Ríos. Este premio busca o recoñecemento do traballo da debuxante e, ao mesmo tempo, abrir as portas a referentes femininos no espazo do cómic.

Da Silva destacou que este certame rompe cos tópicos das diferenzas entre autores masculinos e femininos xa que o xurado foi incapaz de definir a que xero correspondíase cada obra presentada. Ademais, destacou o nivel dos traballos que se presentaron a esta edición e a calidade gráfica.

Os premios serán entregados na Gala da Igualdade que se desenvolverá no mes de novembro e na que se fará entrega tamén dos premios Ernestina Otero.