Os Premios Provinciais á Xuventude entregaránse este venres

Pontevedra
15 de novembro 2023

A gala celebrarase no Salón de Plenos do Pazo Provincial ás 19:00 horas. Estará conducida pola xornalista Patricia Bea e contará coa actuación musical da gañadora do premio a mellor traballo musical Ainhoa Mosquera

Sede Deputación de Pontevedra
Sede Deputación de Pontevedra / Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra celebra este venres ás 19:00 horas no Salón de Plenos do Pazo Provincial a gala de entrega dos Premios Provinciais á Xuventude. Durante o evento daranse a coñecer os traballos gañadores nas nove categorías das que se compoñen e que supoñen un reparto de ata 36.000 euros entre as mellores iniciativas dos 77 traballos presentados.

O evento estará conducido pola xornalista Patricia Bea e contará coa actuación musical de Ainhoa Mosquera, gañadora dos Premios Provinciais á Xuventude na categoría de traballo musical en 2021.

A través destes galardóns, a institución provincial busca estimular e promover a creatividade da mocidade da provincia no ámbito sociocultural, así como amosar o seu compromiso no eido da loita contra o cambio climático e a recuperación do medio ambiente. Puideron optar aos Premios Provinciais á Xuventude mozos de entre 16 e 35 anos e, no caso da categoría de Reacción polo Clima, centros educativos nos que participe alumnado de entre 12 e 18 anos.

En total presentáronse 77 traballos que foron avaliados por cadanseu xurado nas distintas categorías. Deles, 22 foron traballos literarios breves, 21 fotografías orixinais, 17 proxectos de investigación, 6 foron candidaturas á categoría de banda deseñada, 4 á de traballo musical, 3 traballos na de educación en valores, 2 propostas en deseño e moda e unha nas categorías de contido audiovisual e Reacción polo Clima, de denuncia do cambio climático.

Os gañadores, ademais da contía económica, recibirán uns galardóns de cerámica elaborados polos usuarios da Asociación Alba de Familiares e Amigos de Enfermos Psíquicos de Pontevedra.