Chega a alquimia e a ciencia do porvir coa presenza de cabaleiros percorrendo o centro histórico sobre os seus cabalos para anunciar o inicio da XVI edición da Feira Franca que durante este venres e, sobre todo, na xornada deste sábado 5 de setembro encherá as rúas de entusiasmo e de festa para celebrar a tradicional cita co medievo.
Os pregoeiros a cabalo, seguidos por unha máquina limpadora que inmediatamente actuaba ante calquera deposición dos animais, deron paso ao concerto de música medieval da man dos grupos Antiqua e Ultreia na Igrexa Conventual de San Francisco.
Será a partir das 22.30 horas cando a praza da Ferrería, con público ocupando os asentos dende primeiras horas da tarde, acollerá o espectáculo Alquimia a cargo dos grupos Kull d'Sak, Troula, Roxie Produçòes e Pablo Mendez performances.
Unha vez finalizado, a Asociación de Coros e Danzas Duos Pontes ofrecerá unha actuación de música e bailes medievais na praza doTeucro, a partir das 23.15 horas. Todo un anticipo á recreación durante o sábado ás 12.00 horas do transporte do viño dende Santa Clara, mentres na avenida de Santa María xa se celebrará o mercado medieval na avenida de Santa María e a mostra de oficios na praza da Ferrería.