Os preferentistas volven á rúa: "Todos somos Domitila"

Pontevedra
03 de abril 2015

A cita será ás 10.00 horas no exterior do edificio que acolle os xulgados do Contencioso-Administrativo, pois dentro estarán a xulgar a Domitila Vicente Franco, unha muller de 82 anos que se move con andador e que foi multada por alteración da orde pública. Ela deféndese nun video: "Eu non me sinto culpable de nada, eu defendo o que é meu"

Captura de pantalla do vídeo de Domitila Vicente
Captura de pantalla do vídeo de Domitila Vicente

O vindeiro martes 7 de abril os afectados polas preferentes volverán ás rúas de Pontevedra. Non protagonizarán unha das habituais concentracións ou manifestacións coas que encheron a cidade co son das súas bucinas e camisetas de todas as cores para reclamar que lle devolveran os seus cartos atrapados en produtos financieiros híbridos. Nesta ocasión sairán para gritar: "Todos somos Domitila".

A cita será ás 10.00 horas na rúa Germán Adrio, á altura do número 4. Concentraranse no exterior do edificio que acolle os xulgados do Contencioso-Administrativo, pois dentro estarán a xulgar a Domitila Vicente Franco, unha muller de 82 anos que se move con andador e que foi multada por alteración da orde pública durante unha protesta de afectados polas preferentes no Concello do Rosal no ano 2013. 

Os afectados fan un chamamento á asistencia á concentración de protesta e tamén a divulgar un vídeo de Domitila que veñen de publicar nas redes sociais. Nel, a muller deféndese asegurando que terá un xuízo por dúas multas das que "eu non me sinto culpable".

"Eu ía defender o que era meu, eu non peguei a nadie", explica Domitila, que se ve obrigada a defenderse ante acusacións como alteración da orde pública ou un comportamente presuntamente agresivo co que intentou acceder ao interior da casa consistorial do Rosal en tres ocasións durante a mesma protesta. Ela recoñece que participou na concentración, pero non o resto das acusacións.

A pesares da súa idade e da osteoporose que a obriga a usar un andador para moverse, amosa moita forza de vontade e deféndese con seguridade: "eu non me sinto culpable de nada, eu defendo o que é meu".