Ao berro de "sinvergüenzas" recibían os afectados polas preferentes aos coches que se dirixían este sábado cara ao Castelo de Soutomaior para asistir ao acto de apertura do curso político do PP. Medios de comunicación, militantes e cargos políticos eran os únicos que tiñan permiso para achegarse a máis dun quilómetro do recinto, mentres un amplo dispositivo policial impedía o paso aos 'preferentistas'. Non por esperada, a situación deixou de enfadar os que se desprazaron dende distintos puntos de Galicia para intentar asistir ao conclave 'popular' e reaccionaron con berros e bucinazos.
Todos os accesos ao castelo estaban cortados, os primeiros controis 'filtro' estaban a máis de dous quilómetros e medio e non se podía pasar sen convite. O máximo que puideron achegarse os afectados pola comercialización de participacións preferentes e obrigas subordinadas de Novagalicia Bancoa foi ao acceso á estrada do Castelo dende O Viso. Alí paráronse, pero un dos seus voceiros, Xulio Vicente, quixo insistir en que "non estamos concentrados, a noso intención nunca foi concentrarnos".
O matiz é importante, pois non tiñan autorlización para unha concentración de protesta. El aclara o por que. "Enterámonos de que había un acto do PP e de que viña Rajoy e queremos asistir, supoñemos que eles xa teñen permiso para ese acto e nós non convocamos outro", explica. Si se encontraban concentrados nun mesmo punto é "porque non nos deixan ir a onde queremos, non por que estemos facendo unha manifestación".
Ante tal situación, Xulio Vicente témese que "nos chegarán multas por esta protesta", pero se defenderán delas, pois "son eles os que nos obrigan a quedar aquí todos xuntos, a modo de manifestación". Ao mesmo tempo, mostra o seu "enfado" e "indignación" cos dirixentes do PP porque "se vimos aquí e porque queremos que ou PP nos escoiten e eles evítannos!. Queren chegar aos líderes do partido e, en particular, ao seu presidente estatal e do Goberno, Mariano Rajoy, "para que escoite os nosos problemas" e para recordarlle que "nos deben 500 millóns de euros".
Un neno moi pequeno cun tambor, varias decenas de afectados con bucinas e case todos con carteis e camisetas que os identifican como "vítimas dunha estafa". ÿ a imaxe que proxectan ao paso dos convidados ao acto do PP. Son varias decenas, pero entre eles están, segundo Xulio Vicente, representantes de todas as plataformas de afectados de Pontevedra e doutras de Compostela, Carballo, Lugo " e de case toda Galicia". Os máis numerosos son os do Baixo Miño, que chegaron en autobús.
Eles séntense "enganados" polo PP e quéixanse de que lles "criminalizar" con tanto despregamento policial. A visión non é a mesma dende as filas 'populares'. O presidente da Deputación, Rafael Louzán, fixo referencia aos que se manifestaban quilómetro abaixo e agradeceu o traballo do subdelegado do Goberno en Pontevedra, Antonio Coello, para garantir o dispositivo seguridade, pois "hoxe non é doado chegar ata aquí".
Esta referencia estivo seguida dunha dura crítica cara aos afectados, aos que acusou de "intentar sacar rédito político" da problemática das preferentes, unha cuestión á que "o Partido Popular, nos dous gobernos, o de España e o de Galicia, foi capaz de dar resposta".
"Aínda que algúns nos queiran amedrentar, hoxe sentimos orgullo de ser do PP", envioulles a modo de mensaxe, e engadiu que no seu partido "sempre fomos mellores gobernando que levando pancartas".
A continuación, pasou a glosar os méritos do seu partido na xestión desta problemática, da que asegura que Galicia ten resolta "en boa medida" grazas ao PP, pois a Xunta puxo en marcha a vía da arbitraxe e o Goberno central posibilitou que "tivesen liquidez" a través do fondo de garantías de depósitos.