A plataforma de afectados polas preferentes do Baixo Miño pediu á Fiscalía de Pontevedra "que investigue que se esconde detrás" das multas que lles impuxeron como "represalia" xa que aseguran que "aquí hai algo escuro, algo raro".
"Se unha inxustiza foi o tema das preferentes tamén é unha inxustiza nun Estado de Dereito que se presione os cidadáns utilizando ás Forzas da Orde", declarou o voceiro deste colectivo Xulio Vicente.
Este colectivo asegura ter sido "represaliado polas distintas administracións públicas gobernadas polo Partido Popular", mediante multas e sancións administrativas que se lles impuxeron "inxustamente" a preferentistas por participar en "actos pacíficos de protesta".
Este mércores a Plataforma de afectados polas preferentes do Baixo Miño, concentrouse ante o Xulgado do Contencioso Administrativo de Pontevedra en apoio a un dos seus membros que estaba citado a xuízo, Avelino Guisande Misa, sancionado durante unha protesta levada a cabo o 30 de setembro de 2013, durante un Pleno do Concello do Porriño.
Segundo explicou Avelino Guisande, aquel luns pola tarde un grupo de afectados pola compra de preferentes que pretendían asistir á sesión plenaria non puideron acceder ao concello despois de que axentes da Policía Local lles comunicasen que o aforamento estaba case completo e que só se permitiría acceder a unha pequena representación. Ante iso, Avelino berrou aos axentes "ou entramos todos ou ningún", sendo as súas palabras coreadas polos presentes, que finalmente decidiron non entrar ao salón de plenos e concentrarse ante a porta principal do concello expresando as súas protestas.
"Despois duns días e sen que ninguén me tivese pedido unha identificación naquel momento, chegoume á casa unha multa de cen euros da Subdelegación do Goberno", explicou Avelino Guisande, recalcando "eu non cometín ningún delito".
O voceiro da Plataforma de Baixo Miño, Xulio Vicente, sinalou que a singularidade desta sanción radica en que o alcalde do Porriño naquel momento era Nelson Santos (PP), "que era director de banca e que debeu mostrar unha maior sensibilidade cara aos estafados xa que coñecía mellor o seu drama".
A día de hoxe, a falta doutras cinco multas pendentes de xuízo, os afectados polas preferentes gañaron 31 recursos interpostos ás sancións que lles foron chegando, perdendo en dous casos "e estamos pendentes doutras oito sentenzas", apuntou Xulio Vicente.
Ademais houbo moitos casos que prescribiron na vía administrativa. Segundo Xulio Vicente trátase de "casos de sancións a persoas xa falecidas", ou de persoas con discapacidade acusadas de empregar obxectos contundentes no transcurso dunha protesta.