Os prazos apreman no proxecto para liberar o tramo urbano do Gafos: en cinco meses deberá estar lista a asistencia técnica

Pontevedra
24 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

O Concello ultima a contratación da asistencia técnica, cuxo orzamento non poderá exceder de 89.773,42 euros. Este proxecto non pretende "unha utópica e practicamente inviable volta ao estado natural previo do río", senón unha renaturalización que, polo menos, lle devolva certa dinámica propia dos ríos en estado máis natural

Tramo soterrado do río Gafos
Tramo soterrado do río Gafos / Mónica Patxot

O Concello de Pontevedra sacará a licitación nos próximos días a contratación da asistencia técnica para redactar o anteproxecto e o proxecto para liberar o tramo urbano do río Gafos. O concurso estará marcado, sen dúbida, polos prazos para poder recibir a subvención con fondos europeos lograda para a súa execución. A Fundación Biodiversidade, do Ministerio para a Transición Ecolóxica concedeu para este plan unha axuda de 2,3 millóns de euros procedente dos fondos europeos Next Generation.

Desta forma, a memoria técnica para esta licitación recolle que, dado o axustado do cronograma establecido polos condicionantes da subvención, en cinco meses deberá estar todo listo. 

O Goberno local decidiu descartar a idea inicial de convocar un concurso de ideas e finalmente o contrato ten dúas fases. A primeira será a redacción de anteproxecto, á vista dos condicionantes previos, e selección da proposta máis favorable segundo criterios técnicos, económicos e ambientais. A segunda será a redacción do proxecto de execución.

Así, a empresa que acabe executando esta asistencia técnica terá dous meses e medio para a entrega do estudo de alternativas e outros dous meses e medio para o proxecto de execución

Este proxecto non pretende "unha utópica e practicamente inviable volta ao estado natural previo do río", senón unha renaturalización do mesmo que, polo menos, lle devolva certas funcións e certa dinámica propia dos ríos en estado máis natural, menos antropizados. 

Busca, entre outras cuestións, poñer en contacto directo o caudal de auga coa atmosfera e coa luz solar; recuperar a biodiversidade propia do río; poñer en contacto directo o caudal de auga co leito natural do leito; na medida do posible, o acceso cómodo e directo ao curso de auga para as persoas; permeabilizar a mobilidade peonil entre ambas as beiras; a mellora e ampliación da vexetación de ribeira característica desta zona bioclimática; ou estudar a posibilidade de aterrazar as marxes do leito nas zonas onde sexa posible.

As empresas que queiran optar a esta asistencia técnica deberán presentar un equipo multidisciplinar dirixido por un enxeñeiro ou enxeñeira de camiños, canles e portos, con polo menos 20 anos de experiencia e con traballos en proxectos e dirección de obras hidráulicas. O equipo debe contar con arquitecto con 15 anos de experiencia, con traballos no ámbito do paisaxismo e un especialista en ecoloxía, bioloxía ou medio ambiente con 15 anos de experiencia, e traballo en proxectos de rexeneración fluvial e de recuperación morfolóxica.

Este contrato ten como finalidade a redacción do proxecto de execución que inclúa todas as determinacións e toda a documentación precisas para proceder á posterior licitación das obras de renaturalización do tramo urbano e soterrado do río Gafos.

Desta forma, nesta asistencia técnica deberá redactarse un proxecto completo e determinado, listo para ser licitado, salvo as posibles autorizacións sectoriais que se puidesen necesitar e que deberán quedar definidas no documento para proceder á súa solicitude. 

Na primeira fase, do estudo de alternativas, as alternativas para propoñer serán: unha alternativa 0, coincidente coa situación actual sen execución de obras, e outras tres alternativas diferentes cun estudo técnico, económico, ambiental e socio-cultural-etnográfico (pola existencia de antigas leiras de labor e muíños, o cruceiro de san José, así como a proximidade do Pazo de Campolongo, como se pode deducir do estudo da cartografía de 1943). O estudo detallará as mellores solucións ao problema exposto. 

Na segunda fase, o proxecto detallará as obras e estruturas precisas para a contención de noiros e protección fronte a erosión, así como as pontes ou pasarelas que se consideren necesarios, considerando as posibles afeccións tanto ao tráfico rodado como peonil, especialmente nos accesos a centro escolares e parques infantís.

O orzamento estimado para a redacción destes traballos (estudo de alternativas e proxecto de execución) non poderá exceder de 89.773,42 euros máis IVE

UNHA MIRADA AOS 70

Este proxecto de recuperación e restauración ecolóxica do tramo urbano soterrado do Gafos e a súa contorna supoñerá reverter unha situación que se remonta aos anos 70. Ata comezos desa década, o río discorría polo actual barrio de Campolongo cunha configuración bastante natural. A zona era moi diferente, pois non existía ningún dos edificios actuais nin tampouco os colexios, a igrexa ou os edificios públicos, tan só os muíños e o chamado Pazo de Campolongo. Pero aí púxose en marcha o denominado 'Polígono de Campolongo', no que o Ministerio de Vivenda procedeu á canalización e cubrición do río.

A memoria técnica do proxecto que agora ultima o Concello para sacar a licitación a asistencia técnica recolle que esa actuación dos anos 70 foi "profundamente desafortunada cos estándares ambientais actuais" e agora preténdese "reverter, na medida do posible, con esta actuación".

Esta canalización e cubrición do leito do río estendeuse ao longo dun tramo duns 535 metros, entre as actuais rúas Alcalde Hevia e Xeral Rubín, que marcan o inicio e o final deste tramo canalizado e cuberto. Aínda que a parte do río canalizada podería entenderse que abarca máis ámbito que este tramo, o obxecto de estudo será exclusivamente o tramo cuberto.

Antes de contratar esta asistencia técnica, o Concello encargou un estudo geotécnico que detectou cambios como a desaparición da denominada popularmente como 'illa', unha illa delimitada polo leito principal e por un brazo de río que seguía recto que ten un "valor nostálxico" para as xeracións que décadas atrás xogaban alí ao fútbol cando o río ía baixo de caudal. 

O documento sobre o que traballa o Concello recolle que, coa intervención de canalización e soterramento, a dinámica natural do río "está absolutamente pervertida" e, tratándose como se trata, dun medio netamente urbano, a recuperación sen ningún tipo de protección dos bordos do leito "antóllase como unha empresa de alta dificultade".