Os populares ven "antidemocrático" aprobar o orzamento municipal vía "decretazo"

Pontevedra
05 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

Para o Partido Popular, o "decretazo" do alcalde de Pontevedra para aprobar o orzamento municipal para 2024 sen pasar polo pleno é "antidemocrático". Estudan recorrer ante os tribunais, ao entender que podería conlevar que as contas sexan "nulas de pleno derecho"

Gerardo Pérez Puga e Pepa Pardo
Gerardo Pérez Puga e Pepa Pardo /

Para o Partido Popular, o "decretazo" do alcalde de Pontevedra para aprobar o orzamento municipal para 2024 sen pasar polo pleno é "antidemocrático". Estudan recorrer ante os tribunais, ao entender que podería conlevar que as contas sexan "nulas de pleno derecho".

A edil Pepa Pardo lamentou que o BNG siga sendo "incapaz" de asumir o resultado electoral e trate de solucionar a "debilidad" do seu actual goberno aprobando o orzamento deste ano "por la puerta de atrás" e de maneira irregular.

Así foi, segundo Pardo, porque o documento non regresou ao pleno despois de inadmitir as alegacións presentadas cando o alcalde "carece de competencias" para facelo, xa que debe ser a corporación "quien las inadmita o las desestime".

A concelleira popular sostén que esta cuestión regúlaa unha sentenza do Tribunal Supremo e ata tres informes emitidos pola intervención municipal e o órgano de xestión orzamentaria, polo que reiterou que a decisión do alcalde foi "impositiva y arbitraria".

"En una clara muestra de prepotencia y soberbia, Lores firmó el decreto aprobando de manera definitiva los presupuestos por considerar inadmitidas las alegaciones, arrogándose unas competencias que no le corresponden y faltando el respeto a los ciudadanos", engadiu.

O PP considera "gravísimo" que o orzamento se aprobara por esa vía sen contar cos informes da secretaría xeral nin da asesoría xurídica e baseándose unicamente nun documento emitido polo director xeral de servizos xerais.

Este último informe defende que, dado que os informes dos técnicos municipais relativos ás alegacións presentadas propoñen a súa inadmisión, os orzamentos deben quedar directamente aprobados sen ter que pasar polo pleno.

Ante esta situación, os populares reclamaron que a secretaría do pleno e a asesoría xurídica ditaminen se, unha vez aberto o período de exposición pública dos orzamentos, as alegacións poden ser inadmitidas ou desestimadas por un órgano distinto ao pleno.

En función das respostas, o PP estudará recorrer esta decisión ante os tribunais.