Os concelleiros do Partido Popular continúan o percorrido polas quince parroquias de Pontevedra co obxectivo de "identificar e dar voz ás demandas" da cidadanía. "Os veciños reclaman melloras tan elementais como saneamento ou viais decentes para acceder ás súas vivendas", comentaron desde o PP.
Os concelleiros Martín Martínez, Silvia Junco e Guille Juncal visitaron as parroquias de Alba e Lérez, nas que comprobaron como avanzan as obras da nova senda peonil en San Caetano e o estado do pavillón de Lérez.
Os populares, tras visitar lugares como Ponte Cabras, a Igrexa de Santa María de Alba, San Caetano, ou o pavillón de Lérez, elaboraron unha "batería de propostas", a cal presentará no rexistro municipal, que achega solucións aos "obstáculos e dificultades" que sofren os cidadáns.
"Sorprende en moitos casos o deixamento do BNG e do PSOE diante das peticións que nos fan os veciños. Son demandas básicas e elementais que mellorarán de maneira significativa o seu día a día e a súa calidade de vida", mantivo Martín Martínez.
Por último, Junco, Martínez e Juncal visitaron a parroquia de Lérez e o seu pavillón, no cal seguiron o adestramento do Club de Ximnasia As Triscas e así comprobar como a agrupación adaptou a súa volta á rutina deporta aos protocolos sanitarios.
Juncal solicitou a limpeza ao Concello dunha das parcelas lindeiras que invaden con maleza a entrada ao devandito pavillón e valorou o esforzo das deportistas tras a volta ao deporte de alto rendemento tras catro meses de parón.