Os populares estudan denunciar xudicialmente o novo contrato de xardíns de Pontevedra

Pontevedra
15 de xuño 2016

Os concelleiros do grupo municipal do Partido Popular en Pontevedra Rafael Domínguez e César Abal, avanzaron este mércores, en rolda de prensa, que están a estudar a posibilidade de denunciar xudicialmente ao Concello porque entenden que "ha sobredimensionado" o contrato de concesión do servizo de mantemento de parques e xardíns

Os concelleiros César Abal e Rafael Domínguez en rolda de prensa
Os concelleiros César Abal e Rafael Domínguez en rolda de prensa / PontevedraViva

Os concelleiros do grupo municipal do Partido Popular en Pontevedra Rafael Domínguez e César Abal avanzaron este mércores, en rolda de prensa, que están a estudar a posibilidade de denunciar xudicialmente o Concello porque entenden que "ha sobredimensionado" o contrato de concesión do servizo de mantemento de parques e xardíns.

Os populares mantéñense na súa tese a pesar de que o Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais xa referendou o procedemento posto en marcha polo goberno local.

Non é o único revés neste caso que sufriu o PP local en sede xudicial. O último foi o arquivo definitivo do caso Elsamex por parte da Audiencia provincial iniciado a raíz da denuncia formulada polo Partido Popular ante a Fiscalía, que logo xudicializou o Ministerio Público, polas prórrogas irregulares á anterior concesionaria do servizo de parques e xardíns.

Neste sentido, os concelleiros populares, Rafael Domínguez e César Abal, consoláronse co feito de que o labor do fiscal e dos maxistrados "permitió conocer que el BNG mintió en todas y cada una de las explicaciones" que ofreceu aos pontevedreses, e ademais "sabemos que no colaboraron con la justicia al no entregar toda la documentación exigida".

Refírense os edís do PP a este auto da Sección Segunda da Audiencia no que apunta a existencia de fallos administrativos nas sucesivas prórrogas do contrato con Elsamex sen convocar un novo concurso e tamén reprocha ao goberno local que a súa "imprevisión, descoordinación, inacción e exasperante lentitude resulta de xeito evidente abraiante".

Finalmente a Audiencia Provincial conclúe, do mesmo xeito que antes fixera o xuíz de instrución, que non existe o suposto delito de prevaricación que denunciaba o PP, porque "os feitos en si mesmos non amosan a entidade suficiente como para que, neste sempre restritivo eido penal, se poida efectuar o correspondente reproche penal".

PEDIR PERDÓN

O concelleiro do BNG, Vicente García Legísima, advertiu os concelleiros da oposición que o Código Penal "é o último recurso que se debería utilizar na vida política" asegurando que "non é ningún xogo, é unha arma" polo que "mal utilizado fai moito dano ás institucións e á propia administración de Xustiza".

Este mércores os populares preguntáronse se o BNG "también le exige al fiscal que pida perdón por apreciar indicios delictivos y solicitar al juez la investigación del caso" e engadiron que o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores e o resto de concelleiros nacionalistas "son los que realmente deberían pedir perdón a los pontevedreses por mentirles durante todo este tiempo", dixo Rafael Domínguez.

O portavoz do goberno local, Raimundo González, foi o último en facer declaracións sobre este asunto afirmando que "se queren seguir xudicializando a actividade do concello é o seu problema, pero dado o pau que lle deu a Audiencia case estarían máis guapos calados, porque o ridículo que fixeron foi espantoso".

Arquivado en