Os populares esixen solucións aos problemas de mantemento e limpeza de Verducido

Pontevedra
15 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

Tras unha visita a Verducido, o líder do PP pediu, entre outras actuacións, a roza das vías municipais, a renovación da sinalización ou unha solución á acumulación de auga de escorrentía nas estradas, que supoñen un perigo para peóns e vehículos

Visita de Rafa Domínguez a Verducido
Visita de Rafa Domínguez a Verducido /

O "abandono" que, a xuízo do PP, padece a parroquia de Verducido levou aos populares a esixir ao goberno municipal unha solución á falta de mantemento e limpeza desta zona. 

O portavoz popular, Rafa Domínguez, sinalou que os veciños de Verducido reclaman desde hai anos un plan de conservación para mellorar o estado das estradas, as pistas polideportivas ou os contedores.

"As deficiencias son as mesmas de sempre e o custo económico da súa reparación non sería elevado", subliñou Domínguez, que reclama que o Concello execute unhas obras que considera "necesarias" para mellorar o aspecto da parroquia

Tras unha visita a Verducido, o líder do PP pediu, entre outras actuacións, a roza das vías municipais, a renovación da sinalización ou unha solución á acumulación de auga de escorrentía nas estradas, que supoñen un perigo para peóns e vehículos.  

Rafa Domínguez incidiu na importancia de "sacar partido ao rural" e reivindicou "aproveitar o tirón" das parroquias para captar novos negocios e aumentar o número de veciños.  

"O mundo rural está de moda. Un alcalde comprometido coa súa cidade debería anticiparse ás oportunidades que ofrecen as súas parroquias, para sacar o maior rédito posible a todos os seus núcleos de poboación", sostivo o dirixente do PP.