Os populares denuncian o "preocupante estado de abandono" de Monte Porreiro

Pontevedra
13 de setembro 2024

Os concelleiros do PP aseguraron que o parque infantil e a zona de xogos da Praza de Europa "continúa desatendida"

Reunión dos concelleiros do PP coa Asociación de Veciños O Mirador de Monte Porreiro
Reunión dos concelleiros do PP coa Asociación de Veciños O Mirador de Monte Porreiro /

Os concelleiros do grupo municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, Pepa Pardo, Martín Martínez e Silvia Crespo visitaron Monte Porreiro para "constatar o preocupante estado de abandono" no que se atopa o barrio. 

Segundo criticaron, "a pesar de que o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores encomendase ao concelleiro nacionalista Alberto Oubiña prestar atención específica a este barrio", o parque infantil e a zona de xogos da Praza de Europa "continúa desatendida".

Os populares esixiron ao goberno local maior celeridade para cumprir o acordo alcanzado entre os tres grupos da corporación municipal para sacar adiante a modificación de crédito, aprobada no pleno ordinario do 17 de xuño de 2024, "na que se acordou, a pedimento do xefe de filas do PP, a reforma integral do parque da Praza de Europa e a renovación das bancadas do campo municipal de Monte Porreiro".

Ata o momento, o Concello non executou ningunha destas melloras, nin tampouco anunciou proxecto algún para realizar estas actuacións urxentes que os veciños demandaran.

No centro cultural, os concelleiros do PP mantiveron unha nova reunión coa xunta directiva da Asociación de Veciños O Miradoiro de Monte Porreiro, para escoitar as súas demandas, á vez que comprobaron o estado no que se atopa este local no que "os atrancos das canalizacións de pluviais provocan filtracións nas paredes e pingueiras".

Ademais, no andar inferior do centro, onde reciben clase os nenos da Fundación Secretariado Xitano e do programa Caixa Proinfancia, tamén existen "graves problemas de humidade e deterioración, que fan das aulas un espazo insalubre", denunciaron.

Polo seu labor social durante 20 anos e a intensa actividade para dinamizar o barrio desde a asociación, o PP esixe ao alcalde o "mantemento integral das instalacións e a mellora de todas as deficiencias que non resolveron" dentro do centro cultural.

No exterior, os populares visitaron a Praza de Europa para escoitar as queixas dos veciños polo ruído da pista multideporte e, por último, Rafa Domínguez e os seus concelleiros finalizaron a súa visita cun paseo polas rúas Bélxica e Luxemburgo onde observaron "o mal estado das beirarrúas e a maleza que segue sen rozar, co verán a piques de terminar".