Coa visita a dúas empresas pontevedresas, Setga e Pescamar, ambas as dúas punteiras nos seus respectivos sectores, o Partido Popular quixo deixar claro este xoves que a súa proposta política avoga por "equilibrar" a protección ambiental da costa e a actividade económica.
Tras a aprobación da lei galega do litoral, a candidata ao Congreso por Pontevedra, Ana Pastor, avanzou que un goberno liderado por Alberto Núñez Feijóo modificará a lexislación para dar maior seguridade xurídica ás empresas asentadas na costa.
"Él sabe de la importancia de este sector para la economía y para los empleos y por eso apoyará de manera decidida un sector que solo recibió ataques durante los años de sanchismo", sostivo Pastor durante a súa visita a Pescamar.
A dirixente do PP subliñou que o seu partido é "respetuoso" co medio ambiente e coida o litoral, algo que debe ser "compatible" con que as empresas que viven do mar "puedan tener seguridad jurídica para seguir con su actividad y continúen ofreciendo empleo y oportunidades".
Con respecto á visita a Setga, Ana Pastor defendeu que o PP aposta polo talento, a innovación e o coñecemento como base dunha economía competitiva.
Así, explicou que, para que España volva crecer dunha maneira sólida, "es importante apoyar con normas y políticas públicas que mejoren la productividad e incentiven la innovación", así como un marco regulatorio que impulse a libre iniciativa e o desenvolvemento empresarial.