Os pontevedreses tardan en operarse unha media de case 35 días

Pontevedra
19 de xullo 2019

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés segue a ser, segundo o Servizo Galego de Saúde, a que ten a menor espera en Galicia para unha intervención cirúrxica, unha proba médica ou unha consulta diagnóstica. Así o revelan os datos do primeiro trimestre de 2019

Intervención hospitalaria
Intervención hospitalaria / Mónica Patxot

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés segue a ser, segundo o Servizo Galego de Saúde, a que ten a menor espera en Galicia para unha intervención cirúrxica, unha proba médica ou unha consulta diagnóstica. Así o revelan os datos do primeiro trimestre de 2019.

O tempo medio de espera para unha intervención cirúrxica é na actualidade 22 días inferior á media de todos os hospitais galegos, cuxo dato acada os 56,4 días. Neste senso, a demora media no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra é de 34,7 días, mentres que no Hospital do Salnés é de 33,2 días.

En Pontevedra, os servizos cirúrxicos con menor tempo de espera medio son Xinecoloxía (14,6 días), Cirurxía Vascular (22,9 días) e Cirurxía Xeral e Dixestiva (27,8 días). Por outra banda, a especialidade cirúrxica con demora máis elevada é Oftalmoloxía (43,9 días).

No caso do Hospital do Salnés, son os servizos de Uroloxía (con 14,8 días), Dermatoloxía (20,5 días) e Cirurxía Xeral e Dixestiva (29,6 días) os que menor demora media rexistran e a especialidade de Otorrinolaringoloxía (39,8 días) a que máis.

En relación ao tempo de espera medio para unha primeira consulta nos centros da EOXI de Pontevedra e O Salnés, atópase nos 28,4 días -27,6 días no complexo pontevedrés e 31,7 días no hospital arousán- novamente unha cifra por debaixo da media galega, situada nos 37,8 días.

En Pontevedra, os servizos con menor espera media para unha primeira consulta de enfermidade son Obstetricia, Oncoloxía Médica, Medicina Interna e a Unidade da Dor, cun prazo inferior aos dez días. Pola contra, a única especialidade con maior demora, situada por riba dos 40 días, correspóndese ao servizo de Rehabilitación

No Hospital do Salnés, os servizos con menor tempo medio de demora  para unha primeira consulta de enfermidade son Hematoloxía, Oncoloxía, Pediatría e Medicina Interna, todos por debaixo dos dez días, mentres que o servizo con maior demora é Uroloxía, superando os 40 días de espera.

PROBAS DIAGNÓSTICAS

Nas citas para as primeiras probas diagnósticas máis significativas, a espera media para un TAC na EOXI é de 28,6 días -no complexo hospitalario é de 22 días e no Hospital do Salnés de 30,5 días-, 37,5 días menos que a demora media do Sergas, situada en 66,1 días. 

Para unha resonancia magnética, a demora media é de 36,4 días -35,7 días en Pontevedra e 37,9 días no Salnés-, 16,1 días menos que o tempo medio de espera global do Sergas. Así mesmo, a demora media para unha mamografía é de 31,6 días.

Con respecto á endoscopia dixestiva, a EOXI mantén unha demora de 10,4 dias, cando a media no Sergas para esta proba atópase nos 116 días. No Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra a demora é de 10,1 días e no Hospital do Salnés a demora é de 13,9 días.

No funcionamento das vías rápidas de atención ao cancro de mama, colorrectal, de pulmón, de vexiga, de próstata, de otorrinolaringoloxía e melanoma, pola súa banda, foron atendidos 959 pacientes e os tempos de demora media están por debaixo do obxectivo do Sergas de 15 días, sendo a espera máis alta a relativa ao cancro de pulmón con 5 días de demora media.