A corentena colectiva imposta polo Goberno do Estado dentro das medidas para frear o avance do coronavirus en toda España tivo unha resposta inmediata entre a cidadanía de Pontevedra. Este sábado, tras as directrices da Xunta de Galicia de peche de todos os comercios que ofrecen produtos non esenciais, as rúas e prazas apenas tiñan presenza humana. Este domingo, xa co Estado de Alarma activado e as restricións de desprazamentos de orde estatal, a imaxe que deixa é a dunha cidade deserta.
Os pontevedreses responderon e na mañá deste domingo é posible saír de casa, acudir á panadería para comprar produtos básicos e regresar sen cruzarse con máis persoas que as que están dentro do establecemento comercial. No interior, ademais, tanto a clientela como os traballadores respectan as distancias de seguridade, deixan un metro na cola e non se pegan ao mostrador.
As restricións de desprazamentos asociadas ao Estado de Alarma confinan a toda a cidadanía en casa polo menos durante 15 días e a choiva que empezou a caer a media mañá deste domingo fixo o resto, disuadindo de saír á rúa a quen puidesen estar tentados a facelo a pesar das restricións.
Os cidadáns unicamente poden circular polas vías de uso público para acudir a tendas de alimentación, centros sanitarios, farmacias e postos de traballo, pero tamén poderán moverse aqueles que en nos últimos días deixaran a súa casa e agora queiran regresar ao seu lugar de residencia habitual e quen deba encargarse da asistencia e coidado a maiores, menores, dependentes, persoas con discapacidade ou persoas especialmente vulnerables ou necesiten acudir a entidades financeiras.
O decreto aprobado establece que tamén se pode circular por causa de forza maior ou situación de necesidade e que estas restricións de movementos afectarán á circulación de persoas e de vehículos particulares polas vías de uso público para a realización das actividades autorizadas ou para a reposición en gasolineiras ou estacións de servizo. Eses desprazamentos, ademais, terán que ser individuais.