Os pontevedreses, partidarios de crear un gran parque público no recinto do convento de Santa Clara

Pontevedra
10 de outubro 2017

PontevedraViva realizou nas última semanas unha enquisa entre os seus lectores para pulsar a súa opinión sobre o posible uso do recinto a raíz do peche. Un amplo 45% dos participantes apostou por abrir á cidadanía os 13.000 metros cadrados de terreo en pleno centro de Pontevedra

Xardíns do convento de Santa Clara
Xardíns do convento de Santa Clara / Mónica Patxot

O peche do convento de clausura de Santa Clara coa mudanza a Santiago de Compostela das tres únicas monxas que permanecían no recinto abriu un amplo abano de posibilidades para o futuro uso do recinto. Entre todas elas, os pontevedreses móstranse partidarios de abrir a horta e o xardín actuais á cidadanía para o uso e goce público. 

PontevedraViva realizou nas última semanas unha enquisa entre os seus lectores para pulsar a súa opinión sobre o posible uso do recinto a raíz do anuncio do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, de que iniciaba as xestións para tratar de incorporar o convento ao patrimonio municipal.

Unha ampla maioría dos participantes apostou por crear un gran parque público nos 13.000 metros cadrados de terreo que atesoura en pleno centro de Pontevedra. En concreto, o 44,84% do medio milleiro de votantes decantouse por esa opción

A enquisa recollía como opcións posibles a creación dese parque, destinalo a usos sociais, crear unha biblioteca municipal, habilitalo como hotel de lugo ou esperar a que cheguen novas monxas, pois o peche debeuse á falta de substitución xeracional na súa comunidade relixiosa. No cenobio vivían xa soamente tres relixiosas, dous delas octoxenarias e unha terceira chegada desde Santiago para axudarlles

A segunda opción que recibiu máis apoio foi a creación dunha biblioteca municipal, cun 16,84% do respaldo, seguido de destinalo a usos sociais (16%) ou de adoptar unha actitude máis cautelosa e esperar a ver se aumentan as vocacións relixiosas que enchan de novo o recinto (14,11%). O hotel de luxo é o uso que menos convence aos lectores de PontevedraViva (8,21%).