"Estou alucinando. A impresión é incrible, e as posibilidades que ten este espazo son infinitas". Son as palabras de Belén, unha dos moitos pontevedreses que aproveitaron este sábado a primeira das xornadas de portas abertas á cidadanía para coñecer os xardíns e zona exterior do Convento de Santa Clara.
"Paréceme espectacular. Sempre me espertou curiosidade", explicaba a PontevedraViva Inma, outra das persoas que descubriu con atención os case 13.000 metros cadrados cos que conta a zona verde do recinto, adquirido recentemente polo Concello coa intención de que pase a ser de dominio público.
Iso si, tras un pequeno paseo "o que estaba a pensar é para que se podía utilizar todo isto", resumía esta veciña da cidade.
Tamén Diego recoñecía que o convento foi durante todos estes anos "algo que está moi no centro e sempre dicías, que haberá detrás do muro?", unha incógnita que agora por fin despexouse.
A expectación para estas xornadas de portas abertas foi tal que mesmo desde as 9.30 horas, media hora antes da apertura, xa había xente esperando e "ás 10.00 estaban 50 persoas para entrar", explicou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que se achegou aos xardíns de Santa Clara acompañado do edil de Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda.
"Neste momento que levamos dúas horas e pico van máis de 600 persoas, ata as 18.00 da tarde estará aberto e mañá tamén todo o día", resumía Fernández Lores cando o reloxo pasaba lixeiramente das 12.00 horas.
Esta boa acollida para a primeira fin de semana de portas abertas fai pensar xa en repetir a experiencia. "Se vén bo tempo despois das festas abriríamos tamén algún día máis os xardíns, e a partir de aí iríanse facendo tamén visitas guiadas por dentro pero a esas hai que anotarse porque ten que ser un número máis reducido de xente", confirmou o alcalde.
Os xardíns do Convento de Santa Clara abrirán tamén ao público este domingo 19 de decembro no mesmo horario que o sábado, de maneira ininterrompida de 10.00 a 18.00 horas.
Ao termo da primeira destas xornadas, segundo a información oficial, visitaran Santa Clara 2.803 persoas.