Un dos blogues máis coñecidos e prestixiosos do país asegura que en Pontevedra cómese un dos quince mellores kebabs de España. O recoñecemento do Comidista non é ningunha sorpresa porque King Omar, o local do número 8 da rúa Sarmiento, leva anos no máis alto das listas de Tripadvisor.
Yasir e Ashgar, naturais de Paquistán, abriron o seu establecemento no ano 2006 e, a pesar da competencia, moi pronto se converteron en referentes á hora de preparar este suculento prato de orixe turca. O secreto do éxito é simple: "moito agarimo". Soa a tópico, pero Yasir insiste. "Nós queremos moito aos nosos clientes, falamos con eles, coñecémolos. Se ti fas algo a mala hostia, sae mal", remarca.
Aínda así, non resta importancia á calidade da materia prima. "Buscamos os mellores ingredientes". Toda a mercadoría procede de España e "sempre queremos que sexa da mellor calidade". Ata hai moi pouco o pan producíano no seu obradoiro pero a subida do prezo da luz obrigounos a encargarllo a un provedor especializado. A misión non foi sinxela, debido a que non todas as marcas ofrecían a calidade que eles esixían.
O único ingrediente que non ten orixe española é a guindilla coa que elaboran a súa icónica salsa vermella. "Comprámola en Madrid, pero vén da India", explica Yasir, que considera esta salsa caseira un elemento diferenciador da súa carta que contrasta coas embotelladas que ofrecen outros establecementos.
É todo este cóctel, unido ás boas críticas dos comensais, o que captou a atención do equipo de Mikel Iturriaga. "Viñeron un día para comer aquí e falaron coa xente", resume Yasir en poucas palabras. A visita quedou aí ata que unha clienta ensinoulle hai pouco un artigo publicado no 2020 e que pasou completamente desapercibido para o gran público.
"Coincidiron en King Omar, un local pequeno preto do Mercado de Abastos. Coñecido e recoñecido pola amabilidade de Yasir -o propietario-, e a pita crujiente da súa kebab, que é de elaboración propia e un gran punto a favor do restaurante, vale a pena visitalo", recolle unha publicaciónna que King Omar comparte espazo con establecementos especializados neste produto de cidades como San Sebastián Marbella, Alxeciras, Murcia, Selecta, Madrid, Barcelona, Palma, Bilbao, Logroño ou Valencia.