Como cada primeiro venres do mes de marzo, os pontevedreses cumpriron fielmente coa tradición de pedir as Tres Grazas ao Xesús Nazareno, lembrando as caídas que sufriu Xesucristo coa cruz ao lombo camiño do Calvario.
Desde primeira hora da mañá formouse unha cola para entrar na capela da rúa Tetuán, o único recordo que queda da igrexa de San Bartolomé O Vello.
Aínda que cada persoa ten a súa historia, as peticións que máis se repiten ante a imaxe do Ecce Homo viran ao redor da saúde e o traballo.
O ritual segue o ritmo compasado que van marcando os membros da xunta parroquial de San Bartolomé, da que depende a capela do Nazareno. Estas persoas encárganse de axilizar o paso dos fieis dirixindo a oración e dando un tempo para o rezo das pregarias particulares ante a imaxe barroca do Cristo.
Non faltan quen achega cirios e exvotos de cera que están á venda nos postos instalados na contorna do Teatro Principal. Ao saír, moitos levan unha estampita nunha man e na outra rosquillas.