Os Polos de Emprendemento, unha rede que sempre te acompañará

Pontevedra
29 de setembro 2024

Tanto se tes unha idea pero aínda non a botaches a andar, como se estás xa funcionando pero queres mellorar o teu negocio ou simplemente se pensas que emprender podería ser unha alternativa para o teu futuro laboral, a Rede de Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego quere acompañarte.

Os Polos de Emprendemento ofrecen unha rede unificada e coordinada, conformada por titores que acompañan ás persoas que inician a súa andaina empresarial
Os Polos de Emprendemento ofrecen unha rede unificada e coordinada, conformada por titores que acompañan ás persoas que inician a súa andaina empresarial /

Tanto se tes unha idea pero aínda non a botaches a andar, como se estás xa funcionando pero queres mellorar o teu negocio ou simplemente se pensas que emprender podería ser unha alternativa para o teu futuro laboral, a Rede de Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego quere acompañarte.

Tamén axudarán a avanzar, tanto se é un proxecto desenvolvido, coma se é un proxecto que aproveite os recursos e a riqueza da túa contorna ou mesmo un proxecto que preste servizos ou subministre productos a un mercado global desde Galicia.

Trátase dunha rede que traballa para impulsar e consolidar proxectos de emprendemento que teñan unha vinculación coa súa contorna, e na que as persoas emprendedoras atoparán acompañamento e asesoramento adaptado a cada proxecto, con titorización con profesionais de primeiro nivel. Porque o primeiro paso para emprender é ter sempre canta máis información mellor.

Na Rede de Polos porán a disposición das persoas emprendedoras unha ferramenta de análise coa que poderán coñecer de antemán moitos datos sobre o lugar onde queren emprender.

Un exemplo de proxecto asesorado na rede de polos é Alalá, unha cooperativa de traballo asociado sen ánimo de lucro constituida no ano 2022. Os seus pilares de actuación son a educación social, a educación ambiental e a perspectiva de xénero. Realizan servizos de formación, campamentos, obradoiros relacionados co coidado da natureza, igualdade de xénero e feminismo destinados a toda a comunidade, administración pública e centros educativos.

Detrás deste proxecto están Julieta e Candela Alasino, dúas irmás que migraron dende Arxentina hay máis de dúas décadas. Desde o Polo as acompañaron na captación de clientes, previsións económicas e marketing. Son beneficiarias do catálogo de servizos do programa Alento e do Programa de Mentoring Traballo Autónomo (PMTA).

As cooperativas son unha das moitas formas xurídicas dentro da economía social. No caso de Alalá, como profesionais especializadas no sector social e ambiental, e na intervención sociocomunitaria e nas políticas de igualdade uníronse para ofrecer os seus servizos ás empresas, aos concellos e ás comunidades educativas a través dos concellos ou das ANPAS, ofrecendo formacións, campamentos de verán con visión ecosocial, xornadas de conciliación e obradoiros a infantil, primaria e secundaria. Adaptan as súas propostas ás diferentes realidades de cada aula e de cada centro escolar e tamén desenvolven propostas a medida segundo as necesidades. Tamén desenvolven actividade nas empresas: dan formacións de igualdade e de sensibilización e acción medioambiental (cunha visión ecosocial).

Outro exemplo de proxecto asesorado na Rede de Polos é Artesanía Kollbéh de Persa en Tui. Trátase dun espazo multilingüe e multicultural de atención previa ao peregrino para facilitarlle o camiño de cara a Compostela pola vía xacobea portuguesa. 

Á fronte deste negocio está a emprendedora Zahrasadat Saghaeian, coñecida como Bita. A súa proposta consiste en obradoiros creativos DIY (das siglas en inglés ‘do it yourself’ ou faino ti mesmo, en galego) que é a práctica da fabricación ou reparación de obxectos por un mesmo. Tamén organiza eventos e actividades personalizadas para empresas e vende artesanía auténtica de Irán (roupa e accesorios). 

Coa Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego a Administración autonómica está a prestar asesoramento ás persoas emprendedoras en calquera fase na que se atope o seu proxecto, desde o principio ao fin. Nestes intres existen 14 centros en activo que se ampliarán ata 15 con un novo centro, en Vilanova de Arousa.

Con esta Rede atendéronse xa, en dous anos, máis de 2.400 iniciativas empresariais, fixéronse máis de 6.600 titorías, e preto de mil reunións con entidades do territorio e accións entre formacións e eventos propios e externos en toda Galicia.