Os policías locais reclaman melloras no seu traballo

Pontevedra
06 de xuño 2016

Segundo explicaron nun comunicado a súa intención é "facer visible a inquietude" que viven pola tardanza que está a sufrir, ao seu xuízo, a valoración dos postos de traballo

Protesta da Policía Local de Pontevedra ante o Concello
Protesta da Policía Local de Pontevedra ante o Concello / Mónica Patxot

Os policías locais de Pontevedra protagonizaron este luns unha concentración ante as portas do concello para reclamar melloras no seu traballo.

Vestidos con camisa branca, o 80% do persoal de axentes municipais, composta por 120 policías, formou unha cadea humana ante a sede institucional da rúa Michelena, 30.

Segundo explicaron nun comunicado a súa intención é "facer visible a inquietude" que viven pola tardanza que está a sufrir, ao seu xuízo, a valoración dos postos de traballo. Refírense á técnica para determinar que a política salarial do concello sexa "xusta e equitativa", xa que establece a importancia dos postos de traballo determinando a situación e o valor relativo de cada un deles en relación a outros nunha xerarquía de salarios ou remuneracións dentro da estrutura organizativa.

Os axentes aseguran estar "preocupados e descontentos", aínda que admiten que nos últimos días obtiveron a "promesa firme de boa vontade" por parte do goberno local para "axilizar antes dun mes" o inicio deste estudo, xunto cos prazos nos que levará a cabo.

O concelleiro responsable de Persoal, Vicente García Legísima, admitiu estar "sorprendido" por esta mobilización xa que, "non existía ningún tipo de conflitividade" polo que a cualificou de "inxustificada".

O edil explicou que ata agora estábase negociando e que el mesmo acudiu convidado á última asemblea celebrada polos policías locais. Apuntou que o goberno local "non se opón a esta valoración dos postos de traballo", pero lembrou que os tempos cos que se move a administración "non son os dunha empresa privada".

Nos próximos días volverá reunir a mesa de negociación.

ESTACIONAMENTO

Por certo que os policías locais no comunicado lembraron a súa contribución no éxito do actual "modelo de cidade" e propuxeron como mellora o incremento do tempo máximo de estacionamento nas zonas de servizos xa que os actuais 15 minutos "non permiten unha convivencia adecuada".