Os policías locais piden que na Feira Franca se permita aparcar sen límite de tempo na carga e descarga

Pontevedra
01 de setembro 2016

Indican que durante a celebración da Batalla de Flores, as patrullas de zona detectaron que nas horas anteriores e durante o evento, as zonas de 15 minutos de Barcelos, Cruz Vermella, Perfecto Feijoo, Castelao, Cruz Gallástegui ou San Antoniño atopábanse libres de vehículos nun 95%

Prohibido aparcar
Prohibido aparcar

A asemblea do persoal da Policía Local de Pontevedra emitiu un comunicado con motivo da celebración da Feira Franca, que se celebrará este sábado 3 de setembro. Sinalan que existe falta de previsión na organización destes eventos e ante a alfuencia masiva de público que se agarda piden que aqueles sinais que limitan o aparcadoiro durante 15 minutos sexan tapadas para que os condutores non se atopen con limitacións para estacionar.

Desde os sindicatos CC.OO. e UGT con representación na Policía Local afirman que nestes eventos estes estacionamentos de 15 minutos atópanse baleiros mentres os condutores que tentan aparcar non atopan prazas. Segundo os datos que extraen da celebración da Batalla de Flores, as patrullas de zona detectaron que nas horas anteriores e durante a celebración do evento, as zonas de 15 minutos de estacionamento na praza de Barcelos, Cruz Vermella, Perfecto Feijoo, Castelao, Cruz Gallástegui ou San Antoniño atopábanse nun 95% libres de vehículos. Entenden que tapando os sinais, os asistentes á Feira Franca atoparán máis espazos para estacionar nunha xornada que, ademais, a efectos administrativos é laborable.

A asemblea da Policía Local entende que esta medida debería estenderse a outros eventos como a Cabalgata de Reis, o desfile de Entroido ou a Batalla de Flores.

Por outra banda tamén demandan ao goberno local que traslade aos axentes da Policía Local o contido do plan de autoprotección ou emerxencia da Praza de Touros, onde está prevista a celebración de dúas sesións do Torneo Medieval. Afirman que descoñecen se existe este plan destinado a especificar que funcións deben realizar en caso de emerxencia ante un desaloxo do recinto. Apuntan, ademais, que descoñecen o aforamento da praza nin se existe persoal para asegurar o control de accesos. Tampouco contan con información sobre portas de evacuación, onde se sitúan os extintores, se existen desfibriladores ou se hai megafonía para transmitir ordes. Aseguran que non existe previsión algunha de medidas fronte ao control e vixilancia de posibles atentados terroristas, a pesar de que se mantén o estado de Alerta 4. Os traballadores da Policía Local queren que se tomen medidas mínimas para garantir o evento coa seguridade necesaria.

O sindicato CIG desvencéllase destas peticións ao entender que, neste caso, quen ten que estar informado é o xefe de servizo e que tapar os sinais pode chegar a provocar colapsos de tráfico nos accesos á cidade.

Por outra banda, na asemblea mantida polos axentes da Policía Local insistiuse en reclamar que o goberno local de Pontevedra equipare as súas condicións laborais e salariais co resto de empregados públicos do Concello.

Arquivado en