O proxecto de Telearqueoloxía que impulsa a Deputación Provincial chegou este xoves a Ponte Caldelas a través dun obradoiro de gravación de curtametraxes sobre o estudo do patrimonio arqueolóxico do municipio. Un grupo de rapaces participou na actividade usando o seu teléfono móbil para realizar contidos audiovisuais cos que achegarse á riqueza da arte rupestre da provincia e os fondos do Museo de Pontevedra.
A actividade realizouse na Casa da Cultura coa participación do alcalde, Andrés Díaz, e incluíu unha parte teórica sobre a creación videográfica a cargo de Producciones Mutantes e outra máis centrada no propio obradoiro e no proxecto de Telearqueoloxía, impartida polos técnicos María Martín e Saleta González.
O obxectivo era que alumnos de colexios e institutos locais relacionasen a área arqueolóxica de Tourón, xestionada polo Concello, coa videocreación, de modo que os rapaces aprenderon conceptos sobre a investigación, coñeceron casos prácticos e aprenderon a editar unha investigación sobre estas cuestións en formato dixital.
O obradoiro enmárcase dentro das actividades de preparación do I Festival de Videoinvestigación sobre a Arqueoloxía da provincia, que se vai celebrar no Museo de Pontevedra o próximo mes de decembro con dúas categorías para menores de idade e adultos.
É posible concorrer a título individual ou colectivamente a través de centros de ensino ou calquera outra agrupación e todos os traballos de videoinvestigación terán visibilidade a través do portal web que se habilitará. Ademais, o festival está dotado con distintos premios que no caso dos adultos poderán conlevar premios en metálico de entre 1.500 euros e 3.000 euros.