Sete anos despois da súa inauguración, as rúas do polígono industrial da Reigosa seguen sen nome. Pero non será por moito tempo. O Concello de Ponte Caldelas tomou a decisión de bautizar todo o rueiro cos nomes das distintas estacións de petróglifos espalladas polo municipio, converténdoo así nun catálogo da riqueza da arte rupestre.
A iniciativa do goberno local será presentada no próximo pleno. O alcalde, Andrés Díaz, agarda que en pouco tempo as novas placas estean xa colocadas.
As empresas asentadas no polígono, segundo o Concello, mostraron a súa disposición a aceptar esta denominación, a pesar de que a iniciativa obriga a realizar algúns trámites administrativos, pois ademais do domicilio afecta tamén á sede social e fiscal dalgunhas delas.
O alcalde agradece explicitamente ao historiador Buenaventura Aparicio ter presentado esta suxestión ao Concello e tamén ao empresariado por tela aceptado. Ponte Caldelas converterase, deste xeito, no primeiro municipio que dedica o seu rueiro á promoción e difusión do seu patrimonio arqueolóxico.
"Creo que é unha idea magnífica, pois ademais de que ten un custo moi reducido, o que sempre é importante nun concello pequeno, é un fito moi significativo para a posta en valor dos nosos valores máis culturais", afirma Díaz.
A meirande parte das rúas levarán nomes correspondentes ás estacións de observación da área arqueolóxica de Tourón, pero haberá tamén rúas para outras pedras moi singulares e coñecidas internacionalmente polos estudosos da arte rupestre como a Laxe do Barón (situada en Forzáns), Laxe da Irena (Parada) e a Afiada dos Legóns e a Pedra do Cervo (Cuñas).
O resto das rúas levarán os nomes das estacións de Tourón. Así haberá rúas do Outeiro da Forcadela, Outeiro do Pío, Coto da Cubela, Laxe das Sombriñas, Laxe das Cruces, Coto da Siribela, Nabal de Martiño, Coto da Veiguiña e O Recosto.
O Concello xa dispón do plano correspondente e decidiu asignar as dúas principais rúas do polígono á Laxe das Sombriñas e ao Nabal de Martiño, ao tratarse das dúas laxes máis significativas de Tourón.