"A causa máis probable do afundimento do buque de pesca Villa de Pitanxo foi un erro humano do capitán". Esta é a principal conclusión do informe realizado polos peritos xudiciais que analizaron o naufraxio tras baixar ao pecio do barco en augas de Terranova, Canadá.
Os peritos fixeron chegar o informe ás partes. Nel, sostense que o afundimento se debeu a este erro humano do capitán, Juan Padín, pola "falta de percepción cabal do risco de afundimento" que supoñía a manobra que realizou para librar o embarre do aparello do fondo mariño, coa mar e o vento de popa e a tolva de descarga de desperdicios aberta, "poñendo en grave risco a seguridade do buque e os seus tripulantes".
O capitán figura como investigado por 21 delitos de homicidio por imprudencia grave e outro contra os dereitos dos traballadores na causa aberta na Audiencia Nacional para investigar este naufraxio, no que o 15 de febreiro de 2022 faleceron 21 dos 24 tripulantes o buque.
O informe considera "factor contribuínte" do accidente a demora coa que o capitán deu a orde de abandono de buque á tripulación, o que "condicionou que puidesen realizar o abandono de forma ordenada e con algunha probabilidade de éxito".
Os peritos xudiciais tamén ven determinante no accidente a "falta de familiarización dos tripulantes coas súas obrigacións e funcións atribuídas no cadro orgánico para situacións de emerxencia" e co uso dos dispositivos de salvamento (traxe de inmersión, chaleco salvavidas, equipo de supervivencia da balsa salvavidas e dispositivos radioeléctricos de salvamento). Para os peritos, isto pon de manifesto "a falta de formación a bordo e a falta de realización de exercicios periódicos de abandono de buque".
Outro dos factores que, segundo os peritos, contribuíu ao desenlace deste afundimento foi a falta dunha escaleira en estribor, desde a cuberta superior á cuberta de oficiais, pois constituiría un medio rápido de evacuación desde a cuberta exposta á intemperie e á mar cara ás balsas salvavidas.
Por último, tamén destacan que no naufraxio foron importantes as "adversas condicións marítimas e meteorolóxicas" que había no lugar que, aínda que non eran dunha extrema dureza como para aconsellar poñerse á capa en espera dunha melloría, "sen dúbida dificultaron a manobra para librar o embarre".
O avogado que representa á maioría das familias, Manuel Lampón, fai unha valoración "moi positiva" do informe. Seguen analizando o seu contido, pero xa puideron confirmar que o documento "corrobora o que sempre mantivemos durante a instrución, a clara responsabilidade do capitán e de Nores", en alusión á armadora do buque, Grupo Nores.
O informe "corrobora que a versión de Samuel é a correcta e conclúe que foi todo responsabilidade de Padín", mantén o letrado, que explica que, con este informe, "queda acreditado que o motor non parou, como dicía el", senón que "houbo motor practicamente ata o final do afundimento do barco".
A defensa de Padín e da armadora, tamén investigada na causa, baséase en que o motor "parara repentinamente moito tempo antes" e o informe dos peritos xudiciais "desmonta esa cuestión". Lampón lembra que o informe o elaboraron peritos xudiciais designados polo xuíz instrutor da Audiencia Nacional, Ismael Moreno.
A baixada ao pecio o pasado mes de xuño resultou "fundamental" para este informe, pois puxo de manifesto "aspectos dos que antes só se podería especular e que poderían xerar certa dúbida ou certa falta de seguridade do que pasara". As imaxes do barco "reforzan" as conclusións
María José de Pazo, portavoz das familias, manifestou este mércores a súa "emoción" porque este informe demostra que "tiñamos razón as familias" e "mereceu a pena toda a loita" de máis dun ano ata lograr a baixada ao pecio.
Con este documento poderase "mostrar o camiño da verdade" do que sucedeu no naufraxio. Ademais, demostra "sen ambaxes, que a versión de Samuel é a verosímil, é a verdadeira".