Coa súa cabeza de lista por Pontevedra, Alberto Núñez Feijóo abrindo campaña en Santiago de Compostela, o PP confiou en Alfonso Rueda e Pilar Rojo, números dous e tres da súa candidatura por Pontevedra, para ser os encargados de representar os intereses populares na tradicional pegada de carteis, que se celebrará as 00.00 horas na Praza de España. Estarán acompañados por Jacobo Moreira, o seu portavoz municipal e outros cargos do partido na provincia.
O mesmo pasa co PSdeG-PSOE. O seu cabeza de lista por Pontevedra, Abel Losada, estará en Vigo neste inicio de campaña. A olívica é a cidade elixida por Pachi Vázquez, o seu candidato á Xunta, para abrir a campaña. Na capital da provincia serán dous dos seus candidatos, Patricia Vilán e José Manuel Civeira, os principais referentes neste arranque da campaña electoral. Estarán arroupados, entre outros, por Guillermo Meijón, deputado do PSOE no Congreso, e Antón Louro, portavoz municipal en Pontevedra.
E en canto ao BNG, o alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, o cargo electo de maior relevancia da formación nacionalista en Galicia, será de novo o anfitrión na súa pegada de carteis. Xunto a el estarán o candidato número catro, Luís Bará, e o resto de concelleiros do grupo de goberno. Carlos Aymerich e Carme Adán, que lideran a candidatura por Pontevedra, optaron por Vigo.
Pola súa banda, UPyD, que nas pasadas eleccións foi a cuarta forza en Pontevedra, contará cun reforzo de excepción. A presenza da súa líder nacional, Rosa Díez, daralle un impulso ao seu candidato, José Canedo, quen xunto ao resto dos candidatos polas outras tres provincias, estará esta noite tamén na Praza de España. ÿ unha mostra evidente de que UPyD cre que, si entra no Parlamento galego, será polo seu resultado nesta provincia.
E que pasa coas dúas novas forzas políticas xurdidas da fragmentación do BNG? Pois Juan Fajardo, candidato por Pontevedra da coalición entre os "beiristas" de A Nova, Esquerda Unida e Equo, optou por participar na pegada de carteis en Vilagarcía de Arousa. E en Compromiso por Galicia, a súa cabeza de lista por Pontevedra, Rafael Cuiña, en principio si estará na pegada de carteis na Praza de España.
A quen non veremos en Pontevedra, polo menos neste inicio da campaña electoral, é ao exbanqueiro Mario Conde. O seu partido, Sociedade Civil y Democracia, co que se presenta a estas eleccións galegas, non teñen previsto realizar a tradicional pegada de carteis coa que, simbólicamente, ábrese a carreira cara ás urnas. Anuncian que non farán "unha campaña ao uso". E tanto. Non está previsto ningún acto ata o día 8, é dicir, no cuarto día de campaña. Será en Vigo.