Esta fin de semana celebrouse no Pazo da Cultura de Pontevedra as Xornadas "Temos Alternativa", organizadas pola Coordinadora Eólica Así Non, nas que participaron máis de 350 persoas atraídas polo interese social que suscita a proposta de "construír colectivamente un modelo enerxético alternativo e radicalmente distinto ao imposto polo oligopolio macro-eléctrico, co apoio dos gobernos galego e estatal", segundo trasladan dende a organización.
O foro de discusión organizado por esta Coordinadora obtivo unha acollida "moi positiva" por parte daqueles sectores organizados no ámbito do ecoloxismo, o sindicalismo, os montes veciñais e as plataformas veciñais de afectados.
Os organizadores salientan que todos eles "compartiron diferentes perspectivas e ofreceron unha variedade de enfoques que enriqueceron o debate e que deron conta da complexidade de procurar unha solución alternativa, mais tamén de que a solución debe vir dada polo conxunto da sociedade".
O encontro desenvolveuse en 4 sesións, de mañá e tarde, 8 mesas redondas e 29 relatores.