Os Palleiros recuperan os seus paseos

Pontevedra
14 de xuño 2020

A protectora de animais deu este sábado un pequeno paso máis cara á normalidade ao recuperar os seus tradicionais paseos cos cans que se atopan nas súas instalacións en Campañó

Os Palleiros retoman os seus paseos
Os Palleiros retoman os seus paseos / Diego Torrado

A protectora de animais Os Palleiros deu este sábado un pequeno paso máis cara á normalidade, en particular un que esperaba con moitas ganas desde que se decretou o estado de alarma.

Ese paso foi a volta dos 'paseos Palleiros', na que os voluntarios da asociación puideron gozar dun agradable roteiro acompañados de algúns dos cans que habitan o refuxio de Campañó, e que non puideran saír das instalacións desde hai meses.

Os Palleiros, iso si, pediulle aos seus voluntarios que cumprisen unha serie de medidas de prevención, como gardar a distancia de seguridade, usar máscara e levar as súas propias correas para evitar compartir material con outras persoas.

"Isto é un pasiño máis cara á normalidade que todos estamos a desexar recuperar", sinalaron desde a protectora, "pero precisamente por iso é tan importante cumprir as regras para garantir ao máximo a seguridade sanitaria".

A actividade retomouse este sábado pero a intención é, na medida do posible, ir recuperando a normalidade con novos paseos os martes e os xoves.