Os pacientes na UCI soben a 17 nunha xornada con 2.154 casos activos e 187 novos contaxios

Pontevedra
28 de xaneiro 2021

Os pacientes hospitalizados nos tres hospitais da área son 133, un menos que no último balance do Servizo Galego de Saúde. A maior parte deles (116) están nas unidades de hospitalización. As que están máis graves son as 17 persoas que se atopan ingresadas na UCI de Montecelo

Xente con máscaras por Pontevedra
Xente con máscaras por Pontevedra / Mónica Patxot

Un día máis, a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés rexistra preto de douscentos novos contagios de covid-19. En concreto, nas últimas 24 horas detectáronse 187 novos infectados. Esta cifra sitúa o número de casos activos en 2.154, 132 máis que onte.

Os pacientes hospitalizados nos tres hospitais da área son 133, un menos que no último balance do Servizo Galego de Saúde. A maior parte deles (116) están nas unidades de hospitalización para enfermos de covid-19.

En concreto, hai 92 infectados que están a ser atendidos en Montecelo. Outros doce están no Hospital do Salnés e tamén hai doce no QuirónSalud Miguel Domínguez de Pontevedra.

As que están máis graves son as 17 persoas que se atopan ingresadas na unidade de coidados críticos (UCI) de Montecelo. É unha máis que onte.

O resto dos que contraeron o virus, outras 2.021 persoas, atópanse illadas nos seus domicilios e recuperándose baixo supervisión médica.

Desde o inicio da pandemia 7.491 pacientes da área sanitaria superaron a covid-19, 51 nas últimas 24 horas, e rexistráronse 105 falecementos asociados ao virus. Os catro últimos, notificados onte, catro homes de entre 76 e 86 anos que morreron en Montecelo.

En canto á realización de probas PCR, fixéronse na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés un total de 137.290, 1.984 nas últimas horas. Delas, 151 deron positivo (7,61%). A estas probas súmanse as 51.916 seroloxías realizadas ata a data. 

INCIDENCIA EN GALICIA

A nivel autonómico a Dirección Xeral de Saúde Pública informa que o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 21.613, 320 máis que o día anterior. Deles 5.855 son da área da Coruña, 1.978 da de Lugo, 2.968 da de Ourense, 2.154 da de Pontevedra, 3.681 da área de Vigo, 3.271 da de Santiago e 1.706 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 193 están en UCI, 1.086 en unidades de hospitalización e 20.334 no domicilio. Por agora, en Galicia hai un total de 69.356 persoas curadas, rexistrándose 1.688 falecementos.

Desde o inicio da pandemia realizáronse en Galicia 1.370.436 probas PCR, 12.794 nas últimas 24 horas, que permitiron detectar a 1.121 novos infectados.