Os orzamentos de Ponte Caldelas para 2019 crecen un 8,5% ata alcanzar a cifra dos 3.808.523 euros grazas á constante subida dos ingresos que vénse producindo nos últimos anos.
Está previsto que os orzamentos sexan aprobados na sesión ordinaria que vaise celebrar o xoves, día 31. Unha sesión na que tamén se incluirá a resolución das alegacións do grupo municipal do PP á documentación previa (anteproxecto arquitectónico e estudo de viabilidade) do expediente para a concesión da construción e explotación do futuro Centro Termal de Ponte Caldelas.
O Goberno local (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) defenderá unhas contas nas que, a pesar da conxelación fiscal (neste mandato mesmo se reduciu o imposto de vehículos e a taxa por subministro de auga), a recadación continúa a medrar gracias aos impostos que reflicten máis directamente o crecemento, é dicir, os de bens inmobles, actividades económicas e o de construcións e instalacións. Tamén se prevé unha maior achega (57.000 euros) pola vía da participación nos ingresos do Estado.
Ponte Caldelas aplicará a suba legal a todo o seu cadro de persoal (entre un 2,25% e un 2,75% en función da evolución da economía nacional) e fai unha forte aposta polo gasto social. De feito, a partida que máis crece (pasa de 170.000 a 225.000 euros anuais) é a destinada ao Servizo de Axuda no Fogar a resultas do remate da actual concesionaria. O Concello está xa en trámites para licitar o servizo, no que a hora de atención deberá adaptarse ás condicións derivadas do novo Salario Mínimo Interprofesional. Ao tempo mantense o gran esforzo en Emerxencia Social (30.000 euros) e créase outra partida de 15.000 euros para actividades de Formación e Mellora da Empregabilidade. As subvencións directas á comunidade educativa (ANPA e centros) mantéñense nos 12.000 euros.
As contas prevén 30.000 euros para rozar tódolos camiños e espazos públicos municipais, unha aposta pioneira de Ponte Caldelas deste mandato que se quere reforzar. A contratación de parte deste servizo é necesaria diante da saturación da brigada de obras municipais. O mantemento integral da Área Arqueolóxica de Tourón (outra das novidades deste mandato) lévase outros 15.000 euros.
O alcalde, Andrés Díaz, considera que trátase dun orzamento "prudente, na mesma liña que os anteriores". Unha liña que, recalca, "evidénciase ano tras ano cos remanentes que se producen". De feito, anticipa, calcúlase que trala liquidación dos orzamentos de 2018 que se producirá en breve disporase dun remanente de medio millón de euros. Os cartos empregaranse na redución da débeda e tamén en novos investimentos.
Os orzamentos 2019 non prevén a contratación de ningunha operación de crédito. A débeda municipal, despois dos fortes investimentos e operacións acometidas na recta final do pasado ano, como a compra do Balneario, situouse en 1.396.000 euros. O Concello cancelará 303.000 euros con cargo aos remanentes de xeito inmediato e amortizará outros 216.000 euros ao longo do ano, polo que ao remate do exercicio 2019 a débeda viva quedará en 912.463 euros, é dicir, por debaixo do millón de euros con que comezou o actual mandato no ano 2015.