Os opositores á planta de compost, os crematorios e a A-57 unen as súas forzas en Marcón

Pontevedra
12 de febreiro 2015

Saben que cada un deles ten un problema diferente, pero os une a convicción de que cada un deses proxectos serán prexudiciais para os cidadáns de Pontevedra, máis alá de onde se vaian situar a autovía, os crematorios ou a planta de compostaxe

Xuntanza dos colectivos que se opoñen o compost, a A-57 e os crematorios
Xuntanza dos colectivos que se opoñen o compost, a A-57 e os crematorios / PontevedraViva

A unión fai a forza, di o popular refrán. E iso pensaron os colectivos sociais e veciñais que se opoñen a tres proxectos que se están a xerar en Pontevedra. Trátase das asociacións contrarias á planta de compostaxe na Canicouva, Salvemos a Fracha e a plataforma Non Crematorios Pontevedra Leste, que se reuniron este mércores na Casa do Pobo de Marcón.

Saben que cada un deles ten un problema diferente, pero os une a convicción de que cada un deses proxectos serán prexudiciais para os cidadáns de Pontevedra, máis alá de onde se vaian situar a autovía, os crematorios ou a planta de compostaxe.

Entenden que xuntos poderán divulgar a súa mensaxe dunha forma máis eficaz e facer entender as súas reivindicacións aos pontevedreses, todo iso para intentar sumar máis voces críticas ás súas respectivas protestas.

Ademais, denuncian que os seus problemas están a ser ignorados polas administracións competentes, é dicir, o Concello de Pontevedra, a Deputación de Pontevedra e o Ministerio de Fomento; e cren que unidos as súas protestas terán máis eco.

En liñas xerais, todos están de acordo con que a planta de compostaxe provocará problemas ambientais e converterán A Canicouva no "vertedoiro" do sur da provincia, que a zona urbana non é o lugar máis axeitado para instalar un crematorio e que o trazado da A-57 supoñerá a "ruína" dunha zona de gran valor natural como é a serra da Fracha.

Arquivado en