Os obradoiros divulgativos do proxecto 'O Teu Cole na Historia', impulsados pola Concellería de Educación en colaboración con Polo Correo do Vento e o músico Antón Ke, continuaron este luns na Escuela de Educación Infantil Concepción Crespo Rivas cun grupo de 75 nenos e nenas de cinco anos.
A intervención artística realizada neste centro por Kike Mauricio e Carlos Taboada está presidida pola histórica mestra que lle dá nome á escola e nela aparecen reflectidos, por unha banda, o peculiar invernadoiro no que traballa decote o alumnado e a asociación ecoloxista Vaipolorío, que contan a historia máis recente deste centro situado á beira do río Gafos, e pola outra, no que atinxe ao relato máis antigo, lémbrase ás lavandeiras e á antiga estación de ferrocarril que estaba situada no actual barrio de Campolongo. Un merlo rieiro, propio destes hábitats, asina a imaxe.
Utilizando como ferramentas a narración, o debuxo e a música en directo, os artistas fixeron un percorrido pola historia do centro educativo e polos elementos que compoñen o mural, distribuíndo entre alumnos e mestres os folletos didácticos elaborados para dar a coñecer a iniciativa, que inclúen un mapa no que aparecen tódolos murais realizados ata a data. Os pequenos tamén desfrutaron da canción composta por Antón Ke para o proxecto 'O Teu Cole na Historia'.
Os centros educativos que participan no programa 'O Teu Cole na Historia' son os CEIP Praza de Barcelos, Daría González, A Xunqueira I, A Xunqueira II, Álvarez Limeses, Froebel, Parada-Campañó, Cabanas (Salcedo), Ponte Sampaio, San Martiño (Salcedo), San Benito de Lérez, Manuel Vidal Portela, Santo André de Xeve, A Carballeira, Vilaverde e Marcón; os CEP Campolongo e Marcos da Portela, e as EEI Fina Casalderrey, Crespo Rivas e Verducido.