Os novos contaxios por covid na área sanitaria dispáranse ata os 40 e os casos activos soben a 357

Pontevedra
13 de abril 2021

Esta cifra supón un incremento de 30 casos activos na última xornada, segundo reflicte a actualización dos datos sobre a pandemia ofrecida ás 10.00 horas deste martes 13 de abril polo Servizo Galego de Saúde

Servizo de Urxencias no hospital Montecelo
Servizo de Urxencias no hospital Montecelo

A curva de afectación polo coronavirus na Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés segue á alza este martes 13 de abril, segundo reflicte a actualización de datos ofrecida ás 10.00 horas polo Servizo Galego de Saúde.

Dese balance despréndese que nas últimas horas detectáronse 40 novos contaxios na área pontevedresa, o que unido a que só se produciron 10 altas epidemiolóxicas fixo subir de maneira importante a cifra de casos activos ata os 357, é dicir, 30 máis que o luns.

Outro indicador que se incrementa é a cifra de hospitalizacións, con tres persoas máis ingresadas nunha planta hospitalaria. Son en total 21 pacientes repartidos entre o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (19) e o Hospital do Salnés (2), aos que se suman os 3 afectados que evolucionan na Unidade de Coidados Intensivos de Montecelo, os mesmos que 24 horas antes.

Desde o inicio da pandemia superaron a covid 12.563 na área sanitaria, rexistrándose 168 falecementos de persoas con positivo activo.

En canto a realización de test, as probas realizadas han baixado notablemente con 384 PCR, que se suman ás 192.063 efectuadas con anterioridade.

DATOS DE GALICIA

A nivel autonómico este martes 13 de abril na comunidade hai 2.382 casos activos, o que supón 66 máis. Deles 615 son da área da Coruña (-1), 169 da de Lugo (+12), 185 da de Ourense (-1), 357 da de Pontevedra, 604 da área de Vigo (+5), 367 da de Santiago (+12) e 85 da de Ferrol (+9).

De total de persoas infectadas, 29 están na UCI (un menos) e 156 en unidades de hospitalización (un máis). Ata a data en Galicia rexistráronse 2.369 falecementos asociados ao virus, tras sumar un nas últimas horas.