Os niveis da pandemia retroceden aos do mes de xuño, con 140 casos activos na área sanitaria

Pontevedra
20 de setembro 2021

Na última xornada sumáronse ás estatísticas 3 novos contaxios por coronavirus en Pontevedra e O Salnés, producíndose 11 altas epidemiolóxicas, segundo informa este luns 20 de setembro o Servizo Galego de Saúde

Probas PRC
Probas PRC / Mónica Patxot

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés conta este luns 20 de setembro con 140 casos activos de coronavirus, 8 menos que o domingo, segundo informou o Servizo Galego de Saúde.

Cunha tendencia á baixa durante as últimas semanas, as cifras relativas á pandemia retrocederon a niveis do pasado mes de xuño, aínda que cun nivel de contaxio inferior ao de entón. De feito nas últimas 24 horas só se sumaron ás estatísticas 3 novos contaxios na área sanitaria, contrarrestados polas 11 altas epidemiolóxicas dadas.

Do total de afectados 132 evolucionan nos seus domicilios e 8 fano nun centro hospitalario. Entre os ingresados 7 atópanse en planta no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e 1 máis na Unidade de Coidados Intensivos de Montecelo.

Desde o inicio da pandemia superaron a covid 21.026 persoas da área sanitaria, rexistrándose 203 falecementos de pacientes con positivo activo.

En canto ás probas de detección, na última xornada o Sergas realizou un total de 113 PCR.