Os nenos xa contan cun espazo propio no mercado: nace O Ganapán

Pontevedra
07 de decembro 2016

Cos oficios do mar e da terra como fonte de inspiración. Así nace a ludoteca infantil da praza de abastos de Pontevedra, un espazo bautizado polo Concello como O Ganapán que abrirá as súas portas o próximo 22 de decembro

O Ganapán, espazo infantil habilitado na praza de abastos
O Ganapán, espazo infantil habilitado na praza de abastos / Mónica Patxot

Cos oficios do mar e da terra como fonte de inspiración. Así nace a ludoteca infantil da praza de abastos de Pontevedra, un espazo bautizado polo Concello como O Ganapán que abrirá as súas portas o próximo 22 de decembro.

Esta ludoteca, segundo explicou a concelleira de Promoción Económica, estará aberta de 9.30 a 14.30 horas. Funcionará todos os venres para actividades con centros educativos e asociacións e os sábados para o público en xeral. Iso si, durante as vacacións de Nadal tamén estará operativa todos os días nos que abra o mercado.

Anabel Gulías, responsable de Promoción Económica, explicou que O Ganapán contará con dúas quendas -de 10 a 12 e de 12 a 14 horas- con 25 prazas que requiren inscrición previa a través do correo [email protected]. Ademais, reservaranse prazas para os fillos dos traballadores do mercado, fomentando así a conciliación familiar e laboral.

O Ganapán ofrecerá actividades lúdicas e didácticas, todas elas vinculadas a todo o que se pode atopar no propio mercado. Así, entre outras propostas, haberá un horto ecolóxico, divulgarase o traballo de redeiras, pescadores e mariscadoras, organizaranse obradoiros gastronómicos ou se convidará a artistas que teñan o mar como fonte de inspiración.

O obxectivo é que os nenos, de entre tres e oito anos, "sexan conscientes de que están nun mercado e coñezan o que se van a atopar alí", explicou a edil do BNG.

A ludoteca estará ambientada nunha aldea de pescadores e o Concello busca que sexa un "exemplo" do que pode chegar a ser a primeira planta do mercado de abastos "se se aproveita todo o espazo que temos", segundo Anabel Gulías.

Nun principio, barállase que a ludoteca estea atendida por "dous ou tres" monitores, aínda que se podería contratar máis persoal en función da acollida que teña esta iniciativa e da idade que teña os nenos, xa que ao ser un espazo aberto hai que extremar as medidas de seguridade para evitar que se produza algún problema.

Con esta iniciativa, que foi financiada grazas a unha subvención da Xunta de Galicia, o goberno municipal quere axudar a que o mercado e a contorna no que se sitúa poidan sacar o "máximo" rendemento económico posible e se revitalice como eixo da actividade comercial do centro histórico pontevedrés.