As choivas tamén se apuntan este ano ao entroido na provincia. A pesar diso o Concello de Sanxenxo anuncia que non decidirá ata a xornada do domingo 7 se as condicións meteorolóxicas obrigarán a aprazar o desfile e concurso infantil co que se abrirá o entroido.
Se finalmente se mantén nesa xornada dominical, sairá ás 17.00 horas desde a Avenida Luís Rocafort, seguindo pola Avenida de Silgar, Avenida do Porto e Praza dos Barcos. As inscricións estarán abertas ata o mesmo día da convocatoria, ben no Pazo Emilia Pardo Bazán ou no Club de Xubilados de Sanxenxo o propio domingo.
Serán un total de 1.300 euros en premios os que se repartan. En categoría individual entregaranse 90, 60 e 30 euros. En parellas 100, 70 e 40 euros. Os grupos entre tres e dez integrantes repartiranse 150, 120 e 90 euros. Aos grupos de máis de dez membros destínanse 300, 150 e 100 euros.
O xurado pode declarar deserta algunha das categorías ou fixar un único premio se non se chega a un mínimo de seis participantes en cada unha delas.
E mentres chega o domingo, os alumnos das Escolas Municipais Infantís xa están a celebrar esta semana o entroido con diversas propostas.